O BNG rexeita converter Vigozoo nun “parque multiaventura” e pide apostar por un Centro de recuperación e conservación da fauna

Vigozoo
Vigozoo

A fronte nacionalista cualifica de “ocorrencia” o anuncio do Goberno municipal para transformar o recinto zoolóxico e demanda avanzar cara un novo modelo de compromiso ecolóxico e de sensibilidade co benestar animal.

Xabier P. Igrexas: “A cidade ten como tarefa pendente a transformación de Vigozoo seguindo a estela doutras moitas urbes en Europa e no mundo, que teñen superado ese modelo caduco e exhibicionista”.

O BNG rexeita converter Vigozoo nun “parque multiaventura” e pide apostar por un Centro de recuperación e conservación da fauna

O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar este martes a transformación de Vigozoo nun Centro de recuperación e conservación da fauna silvestre, así como nun espazo de investigación e sensibilización ambiental, fronte á pretensión de converter este recinto nun “parque multiaventura” e de ocio familiar.

A fronte nacionalista cualificou esta proposta do Goberno municipal de “ocorrencia” e lamentou que se continúen a desoír as demandas de entidades ambientais e ecoloxistas, e que ten recollido o BNG en distintas iniciativas, para apostar nun novo modelo que poña Vigo na vangarda e rache co actual por “caduco e exhibicionista”.

“Vigo ten como tarefa pendente a transformación de VigoZoo seguindo a estela doutras moitas cidades en Europa e no mundo, que teñen superado xa ese vello modelo de zoolóxico pouco respectuoso coa fauna, para avanzar nunha senda de modernidade, de compromiso ecolóxico e ambiental e de sensibilidade cos dereitos e co benestar animal”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

As nacionalistas criticaron que non se teña feito nada para impulsar ese cambio de modelo desde que en 2012 o alcalde de Vigo, Abel Caballero, comprometera por primeira vez a reconversión do recinto. Nese sentido, apuntan que o Goberno municipal votou en contra por terceiro ano consecutivo dunha emenda do BNG para dotar os orzamentos de Vigo cunha partida específica, de como mínimo 30.000 euros, para poñer en marcha a estratexia Zoo21.

Unha estratexia baseada en criterios científicos que defenden as principais organizacións ambientais, explicou Igrexas, que afeou que o goberno de Abel Caballero leve dous anos sen atender os ofrecementos que entidades como a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber teñen feito para asesorar neste proceso de transformación de Vigozoo.

“Diante da falla de asesoramento e de rigor científico, o que vemos son ocorrencias, trapalladas como este anuncio de converter o recinto da Madroa nun parque multiaventura”, denunciou o portavoz municipal da fronte nacionalista en Vigo. “É o momento de avanzar a serio na senda da sustentabilidade ambiental e dar resposta á crecente sensibilidade social en relación aos dereitos dos animais”.

O BNG rexeita converter Vigozoo nun “parque multiaventura” e pide apostar por un Centro de recuperación e conservación da fauna