O BNG rexeita en Vigo o aumento do gasto militar e denuncia o “silencio cómplice” co xenocidio palestino

Acto 'Galiza contra as guerras do Imperialismo'
Acto: Galiza contra as guerras do Imperialismo

A fronte nacionalista celebrou un acto público baixo o título ‘Galiza contra as guerras do Imperialismo’, no marco da Semana da Patria Galega, para alertar da escalada militarista

Néstor Rego: “O Estado español non pode seguir a actuar como un vasalo da OTAN e dos EUA”

Xabier P. Igrexas: “O BNG sempre dixemos non á guerra e a todas as agresións imperialistas”

O BNG rexeita en Vigo o aumento do gasto militar e denuncia o “silencio cómplice” co xenocidio palestino

O Bloque Nacionalista Galego rexeita o aumento do gasto militar e denuncia o “silencio cómplice” ante o xenocidio na Palestina. Así o manifestaron este martes nun acto celebrado en Vigo, baixo o título ‘Galiza contra as guerras do Imperialismo’, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, no que alertaron sobre a perigosa escalada militarista do Estado español e da Unión Europea (UE) en lugar de apostar decididamente pola paz.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso

No acto enmarcado na programación nacionalista pola VIII Semana da Patria Galega en Vigo, Rego sinalou o rexeitamento da organización nacionalista ao incremento do gasto militar até o 5% por considerar “inxustificábel” destinar recursos a armamento no canto de atender as necesidades reais sociais. “Esta lóxica só atende á lóxica imperialista dos Estados Unidos de América (EUA), que busca manter a súa hexemonía global mediante a guerra e que, de levarse a cabo, o Estado español e todos os socios da OTAN estarían colaborando nunha perigosa estratexia militarista”, advertiu.

Para o deputado nacionalista, o “papel submiso e o silencio cómplice” da UE ante o xenocidio que está levando a cabo o Estado sionista de Israel contra o pobo palestino “é un claro exemplo desta aposta militarista e de alimentar a espiral da confrontación”. O BNG, sinalou Rego, non calará ante o masacre televisado que se está a producir: “Israel non só é unha ameaza, Israel é inimigo da humanidade”.

Rego afirmou a ese respecto que a única forma posíbel de parar este xenocidio é apostar polo desarmamento, o diálogo e unha política internacional verdadeiramente de paz. Do mesmo xeito, demandou que a Comunidade Internacional leve Netayanhu e toda a cúpula sionista ante o Corte Penal Internacional polo xenocidio e os crimes de lesa humanidade que están a cometer.

Saída e disolución da OTAN

Ante esta situación, o deputado nacionalista chamou a rexeitar o aumento do gasto militar proposto pola OTAN e asinado polo Goberno do Estado na última cimeira da organización transatlántica para non detraer máis recursos de servizos como a sanidade, a educación, a vivenda, as pensións.

“O Estado español non pode seguir a actuar como un vasalo da OTAN e dos EUA. Debe recuperar unha política exterior soberana, baseada no respecto ao dereito internacional e nos intereses da maioría social”, asegurou Rego, reclamando máis unha vez a saída do Estado español da organización transatlántica e a súa disolución. “Frear o aumento do gasto militar, retirar o apoio á OTAN e comezar un proceso de desmilitarización que permita destinar os recursos públicos a fortalecer os servizos sociais e garantir os dereitos básicos da poboación”, defendeu Rego.

Pacifismo e antiimperialismo

Xabier P. Igrexas intervindo no acto

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reivindicou o “compromiso coherente do nacionalismo galego en favor da paz e dunha orde internacional baseada na xustiza, no diálogo multilateral e no respeito á soberanía”.

“Diante do silencio cómplice doutros e mesmo o apoio desquiciado dalgúns, o BNG sempre dixemos non á guerra e a todas as agresións imperialistas, for na Iugoslavia, no Iraq, no Afganistán, na Libia, na Siria ou na Palestina”, recalcou.

Igrexas subliñou a concepción “radicalmente antiimperialista” do pensamento de Castelao, no seu 75 cabodano, e a aposta de quen definiu como “Pai da Patria Galega en prol dunha paz construída sobre a base da xustiza”. “A guerra é sempre un instrumento de destrución ao servizo dos intereses dos poderosos”, remarcou o voceiro municipal do BNG, poñendo en valor “a defensa da paz e a oposición ao militarismo e as guerras” por parte dunha “amplísima maioría do pobo galego”.

“Fronte aos señores da guerra do Imperio que queren seguir alimentando a súa industria da guerra, sementado morte e destrución, as e os nacionalistas galegos dicimos que a paz é o único camiño e que só podemos percorrelo desde a solidariedade internacionalista e o respecto á soberanía de todos os pobos do mundo”, proclamou.

O BNG rexeita en Vigo o aumento do gasto militar e denuncia o “silencio cómplice” co xenocidio palestino