O BNG de Vigo acusa a Caballero de dar un “autogolpe urbanístico” impoñendo ilegalmente a suspensión de prazos do IOP para demorar o novo PXOM
Na fronte nacionalista inscriben esta nova “manobra escura” dentro da xestión “absolutamente opaca e irregular” coa que o Goberno municipal está a tramitar o novo Plan Xeral
Xabier P. Igrexas: “A concelleira de Urbanismo non ten competencia para poder ditar a través dunha resolución a suspensión dun prazo que afecta a dous acordos adoptados polo Pleno [a aprobación definitiva do IOP e a inicial do PXOM]”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a ilegalidade da resolución emitida onte pola concelleira delegada de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, suspendendo o cómputo do prazo de vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional para demorar a tramitación do novo PXOM.“Estamos diante dun ‘autogolpe’ burocrático á legalidade urbanística na cidade” alertou o concelleiro e candidato á alcaldía do BNG, Xabier P. Igrexas.
Igrexas acusa o Goberno municipal de Abel Caballero de actuar deliberadamente en contra da legalidade ao tentar prorrogar a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional, aprobado o 24 de xullo de 2019, vulnerando de maneira “flagrante e indisimulada” a propia Lei 2/2017 que permitiu a súa aprobación e que estabelece que a súa vixencia está condicionada aos prazos de aprobación inicial, provisional e definitiva do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista, sinala que o propio Secretario Xeral do Concello, nun informe emitido o 23 de xaneiro de 2023, advertiu de que o IOP decaería de non se materializar antes do vindeiro 18 de maio a aprobación provisional da revisión do PXOM, aprobada inicialmente o 26 de agosto de 2021.
Aliás, o Secretario sinalaba expresamente nese mesmo informe que un posíbel acordo para a modificación de prazos, de acordo ao previsto nos artigos 22 e 23 da LPACAP, debería adoptarse en todo caso polo Pleno e a proposta do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. “A concelleira de Urbanismo non ten competencia para poder ditar a través dunha resolución a suspensión dun prazo que afecta a dous acordos adoptados polo Pleno [a aprobación definitiva do IOP e a inicial do PXOM]”, explica Igrexas.
Xabier P. Igrexas: “Resulta escandaloso que unha decisión desta magnitude se adopte sen a participación do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, do que fago parte, e onde nin tan sequera se deu conta desta resolución na sesión que celebramos onte nin se inclúe tampouco na orde do día da Xerencia da semana próxima”
Desde o BNG inscriben esta nova “manobra escura” dentro da xestión “absolutamente opaca e irregular” coa que o Goberno municipal está a tramitar o novo PXOM. “O pasado 7 de febreiro o BNG xa advertimos publicamente de que Abel Caballero estaba tentando por todos os medios meter o novo Plan Xeral debaixo dunha alfombra para evitar aprobalo antes das eleccións municipais e desta maneira impedir que a veciñanza poida votar sabendo que non se vai atender ningunha das súas alegacións”, lembrou Igrexas.