O BNG de Vigo demanda información sobre as “graves deficiencias” no refuxio de animais abandonados da Madroa
A fronte nacionalista solicita ao Goberno municipal que explique as actuacións realizadas tras unha inspección do Seprona, que acreditou carencias como animais amoreados, falla de limpeza, de salas de corentena e uso de medicamentos caducados, entre outras
O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, reclama acceso á documentación e solicitará visitar persoalmente as instalacións para comprobar o seu estado, así como duplicar os recursos para a reforma e mellora do centro de recollida
O Bloque Nacionalista Galego demanda que o Concello de Vigo informe sobre as “graves deficiencias” detectadas no Centro de Recollida e Refuxio de Animais Abandonados da Madroa. A fronte nacionalista solicita ao Goberno municipal que explique as actuacións realizadas tras unha “demoledora” inspección a finais de 2021 do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona), que constatou “preocupantes carencias e incumprimentos” na protectora municipal.
“Non é ningunha sorpresa que o refuxio da Madroa estaba instalado na máis absoluta precariedade, pero as informacións que veñen de facerse públicas esixen aclaracións do Concello”, reclamou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que solicitou da concellería de Medio Ambiente que facilite toda a documentación sobre o caso así como visitar persoalmente as instalacións para comprobar o seu estado.
Igrexas enumerou algunhas das deficiencias denunciadas polo Seprona e que foron acreditadas nunha recente sentenza xudicial: animais amoreados, falla de limpeza e presenza de roedores, ausencia de salas de corentena, de libros de rexistro e censo dos animais, uso de medicamentos caducados, falla de comedeiros e bebedoiros, ademais de non contar as instalacións coa autorización da Xunta de Galiza.
“Estes feitos probados evidencian a insuficiencia das instalacións e ratifican que non conta nin cos medios materiais nin persoais para a correcta atención dos animais”, lamentou o concelleiro nacionalista.
Instou ao Goberno municipal a duplicar a contía do convenio coa protectora que o xestiona, como xa ten demandado reiteradamente o BNG, e destinar unha partida de 250 mil euros para a “necesaria e urxente” reforma e mellora do refuxio da Madroa.
Nese sentido, lembrou que o Pleno do Concello aprobou o pasado decembro, a proposta do Bloque, unha moción que declaraba Vigo como cidade contraria a toda forma de maltrato animal. “Ese compromiso ten que aplicarse en primeiro lugar para os animais baixo custodia municipal, da mesma forma que vimos de esixilo tamén en VigoZoo”, remachou Igrexas.