O BNG de Vigo acusa a concelleira de Urbanismo de mentir sobre a reunión coa equipa redactora do novo PXOM

Xerencia Municipal Urbanismo
Xerencia Municipal Urbanismo

O portavoz municipal aclara que é "rotundamente falso" que o BNG propuxese non agardar ao informe de Patrimonio e lembra que unha parte importante das alegacións nacionalistas ao novo PXOM abordan “graves deficiencias” na protección patrimonial

Xabier P. Igrexas propón que as futuras xuntanzas coa equipa redactora do Plan Xeral sexan de carácter público para “poñer couto á mentira compulsiva” de María José Caride

O BNG de Vigo acusa a concelleira de Urbanismo de mentir sobre a reunión coa equipa redactora do novo PXOM

O Bloque Nacionalista Galego acusa a concelleira de Urbanismo de mentir de forma “descarada e deliberada” sobre a reunión coa equipa redactora do novo PXOM de Vigo, celebrada este xoves. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, aclara que é "rotundamente falso" que o BNG propuxese non agardar ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio, como afirmou María José Caride en declaracións enviadas aos medios, e lembra que unha parte importante das alegacións nacionalistas ao novo PXOM abordan “graves deficiencias” na protección patrimonial.

“O que sucedeu nesa xuntanza, que se desenvolveu de maneira clandestina e nun formato informal nas dependencias da Xerencia Municipal de Urbanismo en lugar da sala onde se adoita reunir o propio Consello, foi que a concelleira de Urbanismo quixo xustificar o feito da demora alegando un principio de cautela”, asegurou Igrexas.

O voceiro nacionalista explicou que dende o BNG se interpelou a Caride sobre a cautela na elaboración do Plan Xeral de 2008, cando decidiu continuar a tramitación sen esperar un informe de Patrimonio que, como nesta ocasión, foi remitido fóra de prazo. Aclarou que, en base a un informe do Secretario Xeral do Pleno, a lexislación permite este extremo “o que non é obstáculo para que a equipa redactora incorpore, posteriormente, as indicacións e reparos de Patrimonio”.

Nese sentido, demandou á responsábel de Urbanismo que as vindeiras sesións coa equipa redactora se realicen de forma pública. “Para que non haxa ningunha posibilidade para as falsidades, para poñer couto á mentira compulsiva da señora Caride, o BNG reclamamos que calquera veciña ou veciño así como os medios de comunicación poidan estar presentes para escoitar de viva voz as explicacións e as intervencións sobre o novo PXOM”, esixiu Igrexas.
O BNG de Vigo acusa a concelleira de Urbanismo de mentir sobre a reunión coa equipa redactora do novo PXOM