O BNG lamenta a falla de respostas sobre o novo PXOM de Vigo na comparecencia da equipa redactora
O portavoz municipal do Bloque cualifica de “decepcionante” a reunión, tras moitos meses de insistencia por parte das nacionalistas e máis de dous anos dende a última xuntanza
Denuncia que nin a equipa redactora nin a concelleira de Urbanismo deron conta sobre a resolución das máis de 4 mil alegacións
Xabier P. Igrexas: “Non hai disposición por corrixir a opacidade coa que se está a elaborar un documento que quere definir o modelo de cidade para os vindeiros 15 ou 20 anos”
O Bloque Nacionalista Galego lamenta a falla de respostas sobre o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo após a comparecencia este xoves da equipa redactora no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. Así o denunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “decepcionante” a reunión, tras moitos meses de insistencia por parte das nacionalistas e máis de dous anos dende a última xuntanza, o que tachou de “grave anomalía”.
“Nin a Equipa Redactora nin a concelleira de Urbanismo deron ou quixeron dar respostas claras sobre as cuestións verdadeiramente importantes en relación ao novo Plan Xeral”, afeou Igrexas, que subliñou entre estes asuntos as máis de 4 mil alegacións que recibiu o documento aprobado inicialmente.
O voceiro nacionalista cuestionou que o Goberno municipal non aclarará cal é a súa intención en relación a estas alegacións “máis alá de ter que recoñecer a preguntas do BNG que xa están elaboradas as propostas de ditame que determinarán cales se estiman”. Lamentou ademais a falla de concreción sobre o prazo para a aprobación provisional do PXOM, ao que a responsábel de Urbanismo, María José Caride, se limitou a afirmar que será en outubro.
Durante a comparecencia, asegurou Igrexas, o BNG foi a única forza política que interpelou tanto á equipa redactora como á concelleira de Urbanismo. Porén, volveu denunciar as “graves deficiencias” no que ten a ver coa falla de transparencia, de diálogo e de participación que definen, desde o inicio, a elaboración do novo Plan.
“Sen disposición a corrixir a opacidade”
“Polas respostas ofrecidas, volvemos constatar que non hai disposición real por corrixir esa opacidade, deixando claro que o novo PXOM continuará na escuridade dos despachos e que non hai interese en promover o consenso político e social que o BNG consideramos imprescindíbel”, subliñou o portavoz municipal do Bloque.Diante desta falla de transparencia, Igrexas considerou que Vigo non vai ter o PXOM que “precisa e merece”, senón unicamente o que “queira impoñer o rodete da maioría absoluta do PSOE” nun documento que vai definir o modelo de cidade para os vindeiros 15 ou 20 anos.