O BNG de Vigo advirte que o Cíes Market non pode volver “vandalizar” a Alameda e vulnerar os dereitos da veciñanza
A fronte nacionalista denuncia que o Goberno municipal non lle facilitou a información solicitada hai dúas semanas sobre o mercado de nadal
Acusan a Xunta do PP de “cómplicidade por omisión” e critican que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural inda non aclarou, despois de dez meses, se o Cíes Market conta ou non co preceptivo permiso para se instalar nus xardíns históricos e catalogados
Xabier P. Igrexas: “O capricho de Caballero de reducir a cidade durante meses a un inseguro e inhabitábel parque temático non pode estar por riba da legalidade nin dos dereitos das viguesas e dos vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego vén de advertir ao Goberno municipal de Vigo de que a instalación do mercado de nadal, Cíes Market, non pode volver “vandalizar” os xardíns históricos da Alameda nin vulnerar os dereitos da veciñanza.
Así o vén de manifestar o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de que no día de onte se coñecese -a través de informacións publicadas nos medios de comunicación- da decisión do Goberno municipal de manter o mercado de nadal na Alameda e a previsión da súa apertura ao público o vindeiro 18 de novembro.
“Resulta moi sorprendente este anuncio, cando o Goberno municipal de Abel Caballero, inda non nos facilitou ao Grupo Municipal do BNG o acceso aos expedientes que solicitamos o pasado 13 de setembro, que onte volvemos reiterar formalmente, en relación á prórroga da concesión do Cíes Market para a súa xestión por unha empresa privada madrileña a cambio de un só euro como compensación municipal”, criticou Igrexas.
Desde a fronte nacionalista insisten na súa posición “clara e ben coñecida”: “nadal si, por suposto que si, pero non así”. Neste sentido, Igrexas volveu demandar que o deseño do nadal ten que asegurar a convivencia, respeitar os dereitos da veciñanza, así como garantir o cumprimento da da normativa no que ten a ver coa seguridade, o ruído e tamén a protección patrimonial e do medio ambiente. Algo especialmente importante nun ámbito tan singular e catalogado como son os xardíns históricos da Alameda que “non poden volver ser vandalizados” para ser convertidos nunha feira privada.
“Desde logo, para o BNG o capricho de Caballero de reducir a cidade durante meses a un inseguro e inhabitábel parque temático non pode estar por riba da legalidade nin dos dereitos das viguesas e dos vigueses”, enfatizou o portavoz municipal nacionalista.
Complicidade da Xunta
No BNG denuncian tamén a “complicidade por inacción da Xunta de Galiza do Partido Popular" que, segundo apuntan, “acabou por se converter no cooperador necesario” dun modelo de nadal insustentábel e que nos últimos anos provocou importantes prexuízos á veciñanza, non só do centro, senón de toda a cidade.
A este respeito Igrexas cualificou de “inexplicábel” que a día de hoxe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta inda non teña respondido “ absolutamente nada” ao escrito que o BNG dirixiu o 1 de decembro do pasado ano pedindo que se informase de se o Cíes Market conta ou non coa preceptiva autorización, dado que se desenvolve nun ámbito catalogado e de especial protección como a Alameda. Diante dese silencio o Bloque volveu reiterar no día de onte a solicitude “porque queremos que a Xunta do PP de Marta Tapias deixe de ollar para outro lado e diga claramente se o Cíes Market pode realizarse ou non na Alameda e en que condicións”, explicou.