O BNG de Vigo pide ao alcalde aclarar cando se vai celebrar o acto aprazado polo Día Nacional de Galiza
A fronte nacionalista afea que desde xullo cando decretou o aprazamento sen data nada se sabe dun acto institucional que o Concello celebra desde hai moitos anos
Advirten de que a non celebración do acto suporía un exemplo do “españolismo máis casposo” que quere negar a posibilidade de celebrar en Vigo a nosa identidade como galegas e galegos
Xabier P. Igrexas: “O que non entende Abel Caballero é que os actos institucionais son do Concello, e non apenas do Goberno municipal. Son actos de toda a cidade”
O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que indique cando se vai celebrar o acto institucional do Concello de Vigo en conmemoración do Día Nacional de Galiza. O mesmo foi aprazado o pasado 12 de xullo sen data por decisión unilateral da Alcaldía, alegando a proximidade das eleccións xerais do día 23X. “Xa pasaron máis de dous meses e con setembro case finalizado inda non coñecemos cando se vai celebrar este acto institucional”, criticou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas lembrou que a decisión do aprazamento, da que se tivo constancia a través dun comunicado de prensa, non foi “nin informada, nin moito menos consultada” coa Xunta de Portavoces, “nun episodio máis da degradación e utilización sectaria”. que se fai por parte da Alcaldía dos actos institucionais. “O que non entende Abel Caballero é que os actos institucionais son do Concello, e non apenas do Goberno municipal, son actos de toda a cidade”, acrecentou.
Españolismo
Neste sentido, desde o BNG advirten que a non celebración do acto suporía confirmar que a decisión de Caballero non tiña nada a ver coa proximidade dunhas eleccións senón co “españolismo máis casposo” que quere negar a posibilidade de celebrar en Vigo a nosa identidade como galegas e galegos.
“Desde logo no BNG non queremos pensar que por vez primeira en moitos anos, descontando a paréntese forzosa da pandemia, o Concello de Vigo non vaia realizar ningún acto institucional polo día no que celebramos na maior cidade de Galiza o orgullo da nosa identidade como pobo e nación, o orgullo de sermos galegas e galegos”, afirmou Igrexas.