O BNG de Vigo afea a falla de participación no proxecto de reforma da praza da Igrexa e pide reconsiderar a afección a vivendas habitadas e un local comercial

igrexa

A fronte nacionalista critica a falla de definición sobre o uso que se quere dar ao novo edificio dotacional e advirte de que o barrio non precisa “un novo ‘Verbum’, como edificio vistoso sen contido”.

Xabier P. Igrexas: “O BNG apostamos por un Casco Vello revitalizado pero sobre todo habitábel. Queremos un casco histórico que sexa moito máis que un espazo para visitar ou consumir na hostalaría, queremos un Casco Vello para vivir e convivir”

O BNG de Vigo afea a falla de participación no proxecto de reforma da praza da Igrexa e pide reconsiderar a afección a vivendas habitadas e un local comercial

O Bloque Nacionalista Galego reclamou que se teña en conta a opinión da veciñanza e do tecido asociativo do Casco Vello na elaboración do proxecto para a reforma da praza da Igrexa. Demandan tamén que se reconsidere a afección a varias vivendas habitadas e a un local comercial, onde se mantén con actividade unha tenda de alimentación desde hai máis de 60 anos.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, realizou esta mañá unha visita até a contorna da praza da Igrexa onde mantivo un encontro informal con veciñanza e co propietario do estabelecemento Alimentación Rivera, afectado polo proxecto de reforma que promove o Goberno municipal.

Igrexas expresou o seu acordo coa necesidade dunha "actuación que rehabilite e revitalice" este ámbito do Casco Vello vigués. No entanto, o edil nacionalista, lamentou a falla de diálogo e participación á hora de definir esa actuación. "Parécennos ben todos os concursos de ideas, pero con independencia da proposta arquitectónica que se escolla, é incomprensíbel que se poida promover unha actuación así sen ter en conta a opinión da veciñanza e recoller as necesidades do barrio", declarou aos medios de comunicación. Neste sentido, criticou que se estea a falar dun edificio dotacional sen definir un uso concreto. "Cando se fala de edificios multiusos e de espazos polivalentes o que tememos é que non haxa unha visión clara do que se quere facer. "O que necesita o Casco Vello non é un novo 'Verbum',un edificio vistoso sen contido", ironizou.

A preguntas das xornalistas sobre que uso debería ter en opinión do BNG o novo edificio, Pérez Igrexas chamou a abrir un diálogo real co tecido asociativo do barrio por ser "quen mellor coñece as necesidades", pero si expresou as reservas da fronte nacionalista de que o que se precise na zona sexan "máis salas multiusos para realizar actos públicos", lembrando que xa existe un número importante de dotacións con espazos para esa finalidade, entre as que mencionou o centro cívico municipal, a sede da Deputación ou o edificio Cambón.

Afección a vivendas e un comercio

Outro dos aspectos que preocupan no BNG é a eventual afección de varias vivendas habitadas e dun local comercial con actividade. "O Goberno municipal ten que xustificar de maneira clara que se afecte este edificio. Non parece aceptábel forzar o desaloxo de vivendas e o feche dun comercio de alimentación que leva máis de 60 anos funcionando, apenas por un criterio estético", inquiriu Igrexas, que subliñou a disposición dos propietarios para realizaren as actuacións necesarias para armonizar o edificio coa súa nova contorna.

O portavoz municipal nacionalista pide que se reconsideren estas desafeccións no proxecto definitivo que se vaia executar e reiterou ademais a demanda, que xa formulou no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, de que de seren necesarias se procure unha saída negociada coas persoas afectadas rexeitando a posibilidade dunha expropiación forzosa.

 

"O BNG apostamos por un Casco Vello revitalizado pero sobre todo habitábel. Queremos un casco histórico que sexa moito máis que un espazo para visitar ou consumir na hostalaría, queremos un Casco Vello para vivir e convivir, e iso pasa por dotalo de servizos diversificando a oferta comercial en lugar de pretender facer desaparecer un dos poucos estabelecementos dedicado á alimentación", remachou Igrexas, contrastando ese modelo coa visión de "casa de bonecas" do Goberno municipal que reduce a cidade a "espazos fotografíabeis".

O BNG de Vigo afea a falla de participación no proxecto de reforma da praza da Igrexa e pide reconsiderar a afección a vivendas habitadas e un local comercial