O BNG de Vigo alerta da insuficiencia de persoal nos bombeiros na cidade para encarar a tempada estival
A fronte nacionalista pide que a concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, explique publicamente como vai organizar o servizo contando con apenas 80 efectivos en activo e rexeitan as gardas localizábeis.
Xabier P. Igrexas: “Despois de case 10 meses de folga indefinida nos bombeiros, a única resposta do Goberno municipal foi non facer nada. Cero diálogo, cero interlocución, cero solucións”.
O Bloque Nacionalista Galego alertou esta mañá das insuficiencia de persoal no corpo de bombeiros da cidade para enfrontar a tempada estival. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou que a concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, explique publicamente como vai organizar o servizo contando con apenas 80 efectivos en activo.
"É momento de que o Goberno municipal dea cara e que a concelleira Elena Espinosa explique como ten previsto organizar o operativo de bombeiros para a tempada de verán, tendo en conta que neste momento a cidade só conta con apenas 80 bombeiros en activo", reclamou Igrexas.
O edil nacionalista sumouse ao rexeitamento xa expresado polos bombeiros diante da posibilidade de habilitar un sistema de gardas localizábeis. "Non podemos admitir nin acpetar que a única solución que se lles teña ocurrido sexa a das gardas localizábeis. A cidade non necesita bombeiros por teléfono, a cidade necesita un corpo de bombeiros, suficientemente dotado e cos efectivos necesarios par atender coa maior celeridade e eficacia as situacións de emerxencia que requiren da súa presenza", explicou.
Dez meses de folga
Aliás, desde o BNG puxeron en foco na falla de resposta por parte do Goberno municipal ao conflito aberto hai preto de dez meses no servizo. “Imos camiño de se cumpriren dez meses da folga indefinida no corpo de bombeiros, unha folga sen precedentes na historia da cidade e a única resposta que deu o Goberno municipal foi o silencio. Cero diálogo, cero interlocución, cero solucións", afeou Igrexas.