O BNG pide que o Concello de Vigo aclare se a antena de telefonía en Matamá conta con licenza municipal

Antena na rúa dos Canteiros, en Matamá
Antena na rúa dos Canteiros, en Matamá

A fronte nacionalista denuncia que leva dende xuño esixindo explicacións do Goberno municipal diante das numerosas queixas veciñais

Cuestiona a instalación nun ámbito con importantes afeccións patrimoniais, próxima á capela de San Amaro, que dificulta á veciñanza realizar obras nas súas vivendas

Xabier P. Igrexas: “É intolerábel que as normas urbanísticas non se apliquen por igual a todo o mundo”

O BNG pide que o Concello de Vigo aclare se a antena de telefonía en Matamá conta con licenza municipal

O Bloque Nacionalista Galego solicita ao Concello de Vigo que aclare se a antena de telefonía móbil instalada na rúa dos Canteiros, na parroquia de Matamá, conta con licenza municipal. A fronte nacionalista denuncia que leva dende xuño deste ano esixindo explicacións do Goberno municipal diante das numerosas queixas veciñais.

Así o reclamou este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen volveu interpelar sobre este asunto sen obter resposta á concelleira María José Caride no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo celebrado o pasado 29 de outubro. “Trátase dunha situación irregular longamente coñecida polo Concello”, subliñou.

Dende o Bloque lamentaron que a única información facilitada até o momento foi o pasado xuño cando, a preguntas do portavoz nacionalista, a Xerencia de Urbanismo asegurou que a instalación estaba pendente dun informe técnico e que se abriría un expediente de protección da legalidade urbanística.

Por este motivo, Igrexas anunciou que o BNG vai solicitar novamente acceso a toda a documentación relativa a esta antena de repetición de telefonía móbil e vai reiterar a demanda de explicacións por parte da responsábel de Urbanismo.

“É intolerábel que as normas urbanísticas non se apliquen por igual a todo o mundo”, valorou o portavoz municipal do Bloque, cuestionando a instalación desta antena nun ámbito con importantes afeccións patrimoniais, pola proximidade á capela de San Amaro, que dificulta á veciñanza realizar mesmo reparacións e obras de mellora nas súas casas.
O BNG pide que o Concello de Vigo aclare se a antena de telefonía en Matamá conta con licenza municipal