O BNG pide non desaproveitar a “oportunidade” para Vigo que supón a fin da concesión a Vitrasa

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG, onte en Teis
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG, onte en Teis

A fronte nacionalista defende, desde un acto público en Teis, a remunicipalización do transporte urbano como primeiro paso para mellorar substancialmente o servizo

Xabier P. Igrexas: “Temos que despregar outro modelo de mobilidade, dando alternativas reais ao uso do coche particular, que conecte e vertebre o conxunto dos barrios e parroquias e nos permita avanzar cara a unha cidade máis habitábel, máis segura e moito máis sustentábel”

O Bloque reitera o seu “total e rotundo apoio” ao persoal de Vitrasa que onte se volveu mobilizar diante da falla de avances na negociación do novo convenio colectivo

O BNG pide non desaproveitar a “oportunidade” para Vigo que supón a fin da concesión a Vitrasa

O Bloque Nacionalista Galego pide que non se desaproveite a “grande oportunidade” que para Vigo supón a fin da concesión de Vitrasa en xuño do vindeiro ano. Neste sentido, a fronte nacionalista aposta pola remunicipalización do transporte urbano, como primeiro paso para acometer unha mellora substancial do servizo.

Así o defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, nun encontro aberto que as nacionalistas realizaron onte á tarde no barrio de Teis dentro da súa campaña “Máis buses, menos multas” coa que demandan alternativas ao uso do coche.

“O vindeiro ano 2025 vai ser determinante coa fin da concesión de Vitrasa, que abre un escenario de oportunidade para que Vigo conte por fin cun servizo de bus urbano á altura da maior cidade galega”, explicou. Fronte a un “servizo insuficiente e deficiente, no que continúamos a ter 250 frecuencias diarias menos das que había en 2019 e un mapa de liña obsoleto que non conecta o conxunto da cidade” o BNG, acrencentou,  “apostamos por un xiro radical na política de mobilidade que poña fin á barra libre en favor de Vitrasa”.

A este respeito, o portavoz municipal nacionalista explicou que o BNG propón dentro das súas emendas aos vindeiros orzamentos municipais tres medidas concretas para lograr ese obxectivo: a creación dunha empresa pública municipal de servizos, iniciar os trámites para asumir a xestión pública do servizo e tamén despregar un plan de mellora do autobús urbano.

Medidas que representan “un primeiro paso que nos permita despregar un modelo de mobilidade alternativo, que dea opcións reais ao uso do coche particular, que conecte e vertebre o conxunto dos barrios e parroquias par avanzar cara a unha cidade máis habitábel, máis segura e moito máis sustentábel en termos ambientais”, resumiu.

Igrexas explicou tamén en Teis o décalogo de medidas coas que enfrontan a “resignación que promove o Goberno municipal de Abel Caballero de seguir sendo unha cidade de tráfico insoportábel, ruidosa, insegura e contaminante”,e animou á veciñanza a “empurrar unha alternativa desde abaixo”. “Teis demostrou que a loita en favor dun mellor transporte ten resultados, como evidencia a conquista da liña H3, que conecta o barrio co hospital Álvaro Cunqueiro, e que Caballero non quería poñer en marcha”, subliñou.

Desde o BNG critican que o Goberno municipal continúe sen dar conta do resultado do estudo encargado polo Concello sobre a demanda do transporte urbano colectivo de Vigo, que foi adxudicado en decembro do ano 2023 por un importe de 319 mil euros. 

Apoio ao persoal de Vitrasa

No día de onte, antes da celebración do acto público en Teis, o BNG participou cunha nutrida representación institucional na mobilización convocada polo persoal de Vitrasa ante os insuficientes avances atinxindos na negociación do convenio colectivo. Na marcha participaron xunto ao portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, a concelleira e o concelleiro, Ana Martínez e Filipe Abalde, así como as/os deputadas/os no Parlamento galego, Carmela González e Brais Rúanova.

Desde a mobilización, Igrexas reiterou “o total e rotundo apoio do BNG ás reivindicación do persoal de Vitrasa fronte ao grave empobrecemento dos seus salarios e a perda de poder adquisitivo”. Aliás, criticou con dureza o “permanente aliñamento de Caballero coa dirección de Vitrasa”, lembrando que o conflito atinxe a “un servizo esencial para a cidade que é de titularidade municipal” polo que volveu instar o Goberno municipal a implicarse na procura dunha solución que “ten que pasar, si ou si, pola mellora das condicións laborais e salariais do persoal”.

O BNG pide non desaproveitar a “oportunidade” para Vigo que supón a fin da concesión a Vitrasa