O BNG de Vigo reclama no Pleno unha AP-9 galega e libre de peaxes fronte a “estafa” prorrogada por PP e PSOE

Xabier P. Igrexas no Pleno de Vigo
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, no Pleno municipal

O BNG defendeu a transferencia da autoestrada á Xunta e a liberación das peaxes, a conversión en vía urbana desde Torres de Padín, a instalación de pantallas acústicas en Teis e a mellora dos pasos elevados da Trapa e da Xorxa

A fronte nacionalista afeou ao PP que formule unha moción para conxelar as peaxes cando foi un goberno popular quen aprobou ampliar a concesión a Audasa

Xabier P. Igrexas lembrou que foi o “voto decisivo” do Bloque no Congreso o que permitiu comezar a avanzar, con descontos e bonificacións, cara a fin das peaxes

O BNG de Vigo reclama no Pleno unha AP-9 galega e libre de peaxes fronte a “estafa” prorrogada por PP e PSOE

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeitou este mércores no Pleno municipal a “estafa” das peaxes da AP-9 diante da pretensión “inxustificada e abusiva” de Audasa de incrementalas un 9% o próximo ano. A fronte nacionalista acusou —en resposta á moción formulada polo grupo municipal popular para demandar a conxelación das peaxes— aos sucesivos Gobernos españois de PP e PSOE de prorrogar até a “agonía este insoportábel calote diario”.

“Hai que recoñecerlle ao grupo municipal do PP valor para traer ao Pleno do Concello de Vigo unha moción en relación á AP-9, cando foi o PP de Álvarez Cascos ou de Ana Pastor quen prorrogou esta estafa”, criticou na sesión o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que formulou unha emenda, que foi rexeitada polos populares, para incorporar outros acordos complementarios á solicitada conxelación das peaxes.

Así, o edil nacionalista propuxo recoller na moción a necesidade de avanzar na transferencia da titularidade e da xestión da autoestrada á Xunta de Galiza, tal como ten reclamado de forma reiterada e por unanimidade o Parlamento galego. Unha transferencia que, a xuízo do BNG, debe estar acompañada tamén de medidas para a liberación dos pagos para ter unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.

Igrexas asegurou que “non chega coa conxelación” e reclamou cuestionar o modelo actual para poñer fin dunha vez ao calote de Audasa

O candidato do BNG demandou ademais a conversión en vía urbana da autoestrada desde o seu acceso en Torres de Padín para resolver a “navallada” que supuxo para a cidade ser atravesada por esta infraestrutura. Nese sentido, urxiu a instalación de pantallas acústicas ao seu paso polo barrio de Teis mentres non se consolida esta transformación, así como a necesidade de mellorar os pasos elevados da Trapa e da Xorxa para permitir un tránsito “seguro” tanto para vehículos como peóns. 

O BNG de Vigo reclama no Pleno unha AP-9 galega e libre de peaxes fronte a “estafa” prorrogada por PP e PSOE