CORONAVIRUS
O BNG de Vigo chama a Concello e Xunta a cooperaren para resolver as incidencias no acceso á vacinación no IFEVI
Xabier P. Igrexas: “Non é aceptábel que se decida concentrar nun único punto o groso das vacinacións e que non se adopten as medidas que eviten que a xente tarde até unha hora e media en chegar”
O Bloque Nacionalista Galego fixo un chamamento ao Goberno municipal de Vigo e á Xunta de Galiza para que cooperen para resolver as graves incidencias que se están a rexistrar nos accesos ao proceso de vacinación do IFEVI.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defende que “é momento de que tanto o goberno municipal como o galego senten e acorden” para poñer solución aos problemas derivados das longas retencións de tránsito nos acceso ao instituto feiral.
Neste sentido, Igrexas, apunta a necesidade de “reforzar substancialmente a conexión por autobús urbano” con novas lanzadeiras desde diferentes puntos da cidade, toda vez estas semanas deixaron en evidencia que as actuais liñas “son rotundamente insuficientes”.
O portavoz municipal nacionalista reclamou tamén unha acción coordinada entre ambas as dúas administracións para ordenar con maior eficiencia o acceso dos vehículos e evitar amoreamentos. “Non vale a política de balóns fóra, ou de tentar cargar ao outro coas culpas. Xunta e Concello teñen que colaborar para rematar con este problema que atinxe a algo tan importante como é vacinarse fronte ao coronavirus”, lamentar
Desde o Bloque remachan a importancia de garantir medios que permitan e faciliten acudir á vacinación, tamén para as persoas que non teñen coche ou que por razóns de idade ou mobilidade non contan con medios propios para desprazarse. “Non é aceptábel que se decida concentrar nun único punto o groso das vacinacións e que non se adopten as medidas que eviten que a xente tarde até unha hora e media en chegar”, reprocha Igrexas.