O BNG de Vigo critica que Elena Espinosa “non quixese dar a cara” e ínstalle a responder da súa responsabilidade na situación dos bombeiros
A fronte nacionalista denuncia que os reforzos anunciados nos últimos días polo Goberno local inda non se efectivizaron.
Xabier P. Igrexas: “Asistimos a moitas cortinas de fume, a moitos anuncios e promesas, pero a realidade segue ser a mesma: a de que Vigo é unha cidade insegura por falla de bombeiros a causa da nefasta xestión do Goberno de Caballero. Até cando imos seguir así, señor alcalde?”.
O Bloque Nacionalista Galego lamentou que a concelleira delegada de Seguridade de Vigo, Elena Espinosa, perdese a oportunidade de explicar a situación que atravesa o servizo de bombeiros da cidade. Afean que a edil decidise non comparecer perante a Comisión Informativa de Seguridade do Concello decorrida na mañá de hoxe, tal e como solicitara formalmente a fronte nacionalista.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que a “fuxida” de Espinosa impediu que esta dese conta “en primeira persoa como máxima responsábel da área de Seguridade, dos motivos da situación caótica que envolve un servizo tan importante como os bombeiros”.
Igrexas, no entanto, reclamou na Comisión que o Goberno municipal explique en detalle o número de bombeiros que estiveron activos en cada xornada desde o pasado 1 de xaneiro, así como o número de veces que foron fechados os parques de Balaídos e Coruxo e as súas causas. “O Goberno de Caballero ten que dar explicacións de porqué nesta cidade, día si e día tamén, se incumpre o mínimo de bombeiros operativos e as razóns dos reiterados feches dun dos dous parques”, inquiriu.
Só propaganda
Desde o Bloque denunciaron ademais que as medidas anunciadas nos últimos días polo Goberno local en relación ao reforzamento do servizo de bombeiros inda non se efectivizaron e son, polo momento, “só propaganda”. “As 16 novas incorporacións de bombeiros inda non tomaron posesión da súa praza, a pesar de que Abel Caballero afirmou que si, e tampouco hai constancia de que se teñan formalizado a contratación das interinaxes”, explicou.
“Asistimos a moitas cortinas de fume, a moitos anuncios e promesas, pero a realidade segue ser a mesma: a de que Vigo é unha cidade insegura por falla de bombeiros a causa da nefasta xestión do Goberno de Caballero. Até cando imos seguir así, señor alcalde?”, interpelou o portavoz municipal nacionalista.