O BNG de Vigo cualifica de «rotundamente insuficiente» a conxelación de taxas e pide unha fiscalidade municipal socialmente xusta
A fronte nacionalista anuncia unha ampla batería de emendas na tramitación das ordenanzas fiscais do 2023 para alargar as bonificacións e exencións as persoas e fogares con menores recursos e ao pequeno comercio.
Xabier P. Igrexas:«No actual contexto de crise, cunha inflación disparada que que coloca a moitos fogares da nosa cidade nunha situación límite, non abonda cunha conxelación. Temos que ir a unha verdadeira reforma fiscal que faga que quen menos ten, pague menos»
O Bloque Nacionalista Galego valorou como «rotundamente insuficiente» a conxelación de taxas e impostos municipais anunciada onte polo alcalde, Abel Caballero, para o vindeiro ano. Demandan avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta, alargando as bonificacións e exencións co obxectivo de lograr que «quen menos ten, pague menos» e tamén axudar a sectores como o pequeno comercio.
«No actual contexto de crise, cunha inflación disparada que engule salarios e pensións e que coloca a moitos fogares da nosa cidade nunha situación límite, non abonda cunha conxelación», explicou o concelleiro do BNG na cidade de VIgo, Xabier P. Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista aludiu tamén ao crecente nivel de pobreza e de empobrecemento na maior cidade galega, que só nos primeiros meses deste ano aumentou por volta dun 10%, asi como á difícil situación que atravesan sectores como o pequeno comercio. «Nun momento no que a maioría social, que representan as clases populares e traballadoras, están a sufrir é necesario que o Concello de Vigo se configure nun verdadeiro parapeto social con medidas que reduzan, de verdade, o impacto desta crise», afirmou.
Neste sentido, Igrexas anunciou que o BNG vai promover unha ampla batería de emendas durante a tramitación das ordenanzas fiscais co obxectivo de poñer en marcha unha reforma fiscal moito máis profunda que aposte «na xustiza social, na equidistribución e na progresividade». Para iso defenderán un alargamento «substancial» das bonificacións e exencións dos principais impostos e taxas municipais, das que se beneficiarían as persoas e fogares de menores recursos e tamén o tecido comercial.
A fronte nacionalista asegura que o Concello de Vigo conta coa solidez económica e financeira para facer factíbel estas medidas, como demostra o feito de que o pasado exercicio quedaran sen executar 120 millóns de euros do orzamento municipal.