O BNG de Vigo demanda 500 prazas máis nas residencias públicas de estudantes

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Propón un grande acordo entre Concello, Universidade de Vigo, Xunta de Galiza e Ministerio de Vivenda para aumentar a “insuficiente” oferta actual, con só 210 prazas públicas, e diante dos “prezos imposíbeis” dos aloxamentos privados

Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir expulsando de Vigo todo ese enorme potencial de coñecemento e talento"

O BNG de Vigo demanda 500 prazas máis nas residencias públicas de estudantes

O Bloque Nacionalista Galego demanda 500 prazas máis nas residencias públicas de estudantes de Vigo diante da “insuficiente” oferta actual na cidade e dos “prezos imposíbeis” nos aloxamentos privados. A fronte nacionalista propón que se materialice a través dun grande acordo entre Concello, Universidade de Vigo, Xunta de Galiza e Ministerio de Vivenda co obxectivo de poñer en marcha novos aloxamentos públicos a prezos accesíbeis para estudantes e para mocidade que reside na cidade por motivos laborais ou de investigación.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu esta necesidade diante do “gravísimo” problema de acceso social á vivenda na cidade, que afecta con “maior crueza” a estes colectivos. Lamentou que Vigo non conte cunha oferta suficiente de residencias públicas malia ser unha cidade universitaria e ter unha ampla oferta de ciclos de formación profesional. A este feito se engaden os “prezos absolutamente imposíbeis” dos aloxamentos privados, tamén para habitacións en pisos compartidos.

Igrexas pediu o compromiso de todas as Administracións públicas para conseguir ampliar a oferta pública actual, con tan só 210 prazas nas residencias do CUVI e Altamar, e sumar como mínimo outras 500. Esta medida vai ser trasladada polo portavoz nacionalista no vindeiro Consello da Xerencia de Urbanismo, para que sexa o Goberno municipal quen tome a iniciativa e promova este acordo co resto de entidades.

Dende o Bloque chamaron así a garantir o financiamento necesario para ampliar as prazas públicas, lembrando o anuncio “con gran bombo mediático” do ministerio de Educación, o pasado mes de outubro, da posta en marcha dun protocolo para a promoción de vivendas destinadas a estudantes universitarios.

“Non podemos aceptar que a situación de emerxencia habitacional que atravesa Vigo sexa unha barreira económica máis que impida ás fillas e fillos das clases populares e traballadoras cursar os seus estudos universitarios, de formación profesional ou traballos de investigación na nosa cidade”, afirmou Igrexas.

O portavoz municipal do BNG asegurou que Vigo non pode seguir “expulsando todo ese enorme potencial de coñecemento e talento”, esenciais para facer avanzar a cidade no camiño de se converter “na capital galega do futuro”, cunha aposta decidida pola innovación, a tecnoloxía e as comunicacións.

O BNG de Vigo demanda 500 prazas máis nas residencias públicas de estudantes