O BNG de Vigo demanda que se atendan as reivindicacións do alunado da EMAO

escola 1_0
A fronte nacionalista demanda un maior compromiso para potenciar a Escola Municipal de Artes e Oficios poñendo fin á política de recortes que supón "un desmantelamento paseniño pero continuado".
O BNG de Vigo demanda que se atendan as reivindicacións do alunado da EMAO

O BNG vén de demandarlle ao Goberno municipal de Vigo que atenda as reivindicacións do alunado da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) que leva semanas a mobilizarse por causa de non poderen ter iniciado as clases pola falla de profesorado.

Así o reclamou o concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, na Comisión Informativa de Educación do Concello de Vigo, na que deu traslado á táboa reivindicativa do alunado na que demandan a máxima axilidade nas convocatorias, que se evite a suspensión da clases, que se recuperen as horas lectivas perdidas ou que existan listas de contratación permanente para substitucións.

"É inaceptábel que a falla de previsión e de xestión do Goberno, que demorou a convocatoria de prazas de profesorado, supoña que un número importante de alunas e alunos non teñan podido iniciar as clases", criticou Igrexas que subliñou que as reivindicacións do alunado afectado son "absolutamente razoábeis".

Igrexas enmarcou esta situación, na que inda non é segura a data de inicio das clases en varios cursos e que en ningún caso será antes de iniciado o próximo ano 2020, dentro da política de "deliberado abandono" que o Goberno municipal leva anos a practicar en contra da EMAO. Neste sentido, lembrou a desaparición dos cursos de luthería antiga e de serigrafía, como exemplos dun "desmantelamento que avanza paseniño pero imparábel".

Pola contra, o BNG defende a necesidade de apostar pola EMAO e desenvolver as súas enormes potencialidades para facer accesíbel a formación en diferentes disciplinas ás clases populares e traballadoras da cidade. "O BNG si cremos na importancia da EMAO e por iso seguiremos a esixir non só a fin dos recortes senón que se lle dote de máis medios", remachou.

 

O BNG de Vigo demanda que se atendan as reivindicacións do alunado da EMAO