O BNG de Vigo chama a mobilizarse para esixir políticas que fagan fronte á grave crise industrial da cidade
A fronte nacionalista expresa o seu apoio á manifestación comarcal convocada pola CIG para o vindeiro 30 de outubro sob o lema “S.O.S. Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos”.
Xabier P. Igrexas: “Un BNG decisivo en Madrid será unha voz firme en defensa da clase traballadora galega, e polo noso dereito a vivirmos con dignidade do noso traballo na propia terra”.
O BNG mantivo esta mañá unha xuntanza coa Executiva Comarcal da CIG de Vigo, para abordar a situación de crise industrial que padece a cidade. No encontro, no que tomaron parte o concelleiro, Xabier P. Igrexas, e o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, a fronte nacionalista trasladou o seu apoio á manifestación comarcal que a CIG ten convocada para o próximo 30 de outubro ás 20:00 desde Vía Norte.
“O día 30 ten que ser unha grande marcha en defensa do noso dereito a producir, a termos empregos dignos e con dereitos e na defensa dos servizos públicos”, declarou Igrexas ao remate do encontro. O edil nacionalista apostou porque a manifestación se converta nunha “grande mobilización da cidade e da nosa comarca” para esixir de maneira contundente unha mudanza real nas políticas dos gobernos galego e español. “Fronte ao abandono da Xunta e a indiferenza de Madrid, Vigo temos que enviar un S.O.S. que deixe claro que non imos renunciar ao noso futuro industrial”, acrecentou.
Compromiso coa clase traballadora
Aliás, na xuntanza o Bloque reiterou o seu compromiso con defender os intereses das clases traballadoras e populares fronte ás políticas que o “bipartito sistémico de PP e PSOE” puxeron en marcha ou mantiveron. Neste sentido, Igrexas apuntou que un BNG determinante no Congreso a partir do próximo 10N será unha voz e voto firmes para botar abaixo as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, que se traduciron en “menos emprego, salarios e pensións máis baixas e moita máis precariedade”.
BNG e CIG coincidiron na súa análise a respeito da situación límite que atravesa a construción naval, co feche inminente de Vulcano e a crise en Barreras, e as dificultades na automoción.
A fronte nacionalista comprometeuse a demandar desde o Congreso a declaración de “sector estratéxico” para o naval galego e a impulsar unha tarifa eléctrica galega, que permita competir ao tecido produtivo vigués sobre a vantaxe de que Galiza sexa produtora neta de enerxía e non a costa de precariedade e baixos salarios.
“Por que Vigo non pode ter un estaleiro público ou semipúblico, que garanta o emprego e a actividade, como existe noutras partes? Por que non podemos beneficiarnos dunha factura eléctrica máis baixa como si se fai en Euskadi?” preguntouse Igrexas.