CORONAVIRUS

O BNG de Vigo demanda medidas adicionais ás restricións de mobilidade para frear o coronavirus e paliar o impacto da crise sanitaria

Instan ao reforzo da rede sanitaria, a reducir aforos no transporte colectivo e a despregar medidas concretas de apoio ao tecido produtivo e comercial da cidade.

Xabier P. Igrexas: “Ningunha viguesa pode entender que se apliquen restricións na mobilidade e ao tempo teñamos que subir en buses ateigados até a bandeira onde non se pode gardar a máis mínima distancia interpersoal”.

A fronte nacionalista fai un chamado á “serenidade” e expresa a súa “absoluta confianza” no comportamento exemplar das viguesas e dos vigueses aplicando as restricións sanitarias.

O BNG de Vigo demanda medidas adicionais ás restricións de mobilidade para frear o coronavirus e paliar o impacto da crise sanitaria

Diante das novas restricións anunciadas esta mañá pola Xunta de Galiza e que afectan á cidade de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego fixo un chamado “á serenidade” e expresou a “absoluta confianza” no comportamento exemplar das viguesas e dos vigueses. Aliás, a fronte nacionalista demandou medidas adicionais no que ten a ver co reforzo sanitario, a redución de aforos no transporte público e a posta en marcha de medidas concretas de apoio ao tecido produtivo e comercial.

“O primeiro que queremos expresar publicamente é un chamado á serenidade e á calma. Temos a plena e absoluta confianza en que as viguesas e os vigueses volveremos demostrar, como xa fixemos na primeira  vaga de contaxios, un comportamento exemplar aplicando as recomendacións e restricións sanitarias para entre todas e todos poñermos todo da nosa parte para frear o avance do virus”, trasladou publicamente o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou a “moi preocupante” evolución epidemiolóxica despois dun novo record no aumento diario que coloca en preto de 1.800 os casos positivos na área sanitaria.  

Igrexas recoñeceu que “estamos nunha situación difícil e nun momento epidemiolóxico moi preocupante e iso esixe unha resposta como a que dimos durante todos estes meses, serena, responsábel, cívica, de cidade, para entre todas e todos sermos capaces de reverter a curva de contaxios”.

Medidas adicionais

No entanto, desde a fronte nacionalista advirten de que “as medidas e restricións anunciadas hoxe sendo necesarias non van ser suficientes”. A este respeito, Igrexas indicou que “o impacto durísimo desta segunda vaga esixe doutras medidas adicionais que desde o Bloque levamos semanas e meses e reclamar”.

Entre estas fixo alusión á necesidade dun reforzo urxente da rede sanitaria, tanto da atención primaria que está ao borde do colpaso como da hospitalaria, así como o despregamento de máis equipas de rastrexo e a práctica de máis probas PCR.

Aliás, demandan tamén actuar na redución de aforos do transporte público, nomeadamente no servizo de autobús urbano, para evitar a súa masificación. “Ningunha viguesa pode entender que se apliquen restricións na mobilidade e ao tempo teñamos que subir en buses ateigados até a bandeira onde non se pode gardar a máis mínima distancia interpersoal”, aseverou.

O portavoz municipal nacionalista demandou tamén que tanto Xunta como Concello de Vigo comecen a traballar, desde xa, para despregar medidas concretas para apoiar o tecido produtivo e comercial e paliar o grave impacto que está a sufrir por causa da crise sanitaria. “Non abonda con boas palabras, para evitar que os negocios baixen definitivamente a persiana fan falla axudas concretas”, reclamou.

O BNG de Vigo demanda medidas adicionais ás restricións de mobilidade para frear o coronavirus e paliar o impacto da crise sanitaria