O BNG de Vigo demanda que as bolsas de comedor se resolvan antes do inicio de curso
Chaman a evitar un novo “calvario” para familias e ANPAs como o do presente curso no que as axudas se resolveron a finais de novembro e comezaron a pagarse a mediados de decembro
_Sobre a posíbel cancelación do concerto de Guns N’ Roses: Xabier P. Igrexas intepela a Abel Caballero afirmando que “quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”
O concelleiro e futuro Portavoz do Grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou que se trata “dunhas axudas que son absolutamente vitais para máis de 3 mil familias da nosa cidade”, polo que instou ao Goberno local a que poña todos os medios necesarios para evitar o calvario da convocatoria do ano pasado.
En 2022 as axudas resolvéronse a finais de novembro e comezaron a pagarse case a mediados de decembro, provocando un grave prexuízo as familias que non sabían se eran ou non beneficiarias e tamén ás ANPAs que tiveron que adiantar durante varios meses o importe das becas con recursos propios.
Demandamos ao Goberno municipal a que garanta que no inicio do curso escolar as axudas van estar debidamente resoltas e que se axilice tamén o abono anticipado das bolsas. Non ten xustificación que o Concello da maior cidade galega teña en vilo a miles de familias pola súa incapacidade na xestión dunhas axudas que convoca todos os anos“ afirmou Igrexas.
Guns N’ Roses
En relación á posíbel cancelación do concerto de Guns N’ Roses na cidade, após ficar deserto o contrato para o patrocinio publicitario do Concello de Vigo, Igrexas amosou a súa “incomprensión de que algo así poida suceder”.
“Non coñezo precedentes en ningunha cidade galega nin do Estado onde un concerto deste nivel estea no aire a dez días e con máis de 22 mil entradas vendidas por un problema na xestión dun patrocinio”, asegurou o edil nacionalista.
“É claro que os atallos pola porta de atrás poden conducir a caleixóns sen saída”, advertiu, criticando un proceso de licitación envolvido en “evidentes sospeitas de irregularidades” e cunhas bases que “parecían ser elaboradas ad hoc para este concerto”.
Desde o BNG reclaman ao Goberno municipal que dea explicacións. “Quen se quixo apuntar o éxito de traer aos Guns N’ Roses a Vigo ten que dar agora a cara”, esixiu Igrexas interpelando directamente a Abel Caballero.