O BNG de Vigo demanda a retirada da publicidade taurina instalada en diferentes vías públicas da cidade

IMG-20190726-WA0016

O concelleiro Xabier P. Igrexas reclama que o Goberno municipal aplique a ordenanza de publicidade exterior e sancione a empresa responsábel.

A fronte nacionalista enfatiza que “o maltrato e a tortura animal non son ningunha manifestación cultural”.

O BNG de Vigo demanda a retirada da publicidade taurina instalada en diferentes vías públicas da cidade

A aparición de cartelaría anunciando unha feira taurina en diferentes ámbitos da cidade, entre eles o Casco Vello -como por exemplo no antigo quiosque do Paseo de Afonso-, provocou que o BNG de Vigo demandase esta mañá que o Concello aplique a ordenanza municipal de publicidade exterior para evitar que “a tortura animal se anuncie con impunidade na vía pública”.

Así, o demandou o concelleiro Xabier P. Igrexas que anticipou que se dirixirán ao Goberno municipal para que inste á empresa responsábel a retirar inmediatamente a cartelaría e que se lle apliquen as sancións que correspondan. “O maltrato e a tortura animal non son ningunha manifestación cultural. As touradas son unha expresión de brutalidade que non se corresponde cunha sociedade civilizada que cada vez demanda un maior respeito para o benestar animal”, explicou Igrexas.

O voceiro nacionalista puxo en valor que Vigo fose a primeira cidade galega en prohibir a realización de espectáculos con animais no termo municipal. No entanto, chamou a avanzar nesa mesma liña e a evitar que empresas que fan negocio de torturar animais se poidan anunciar nas rúas da cidade incumprindo as ordenanzas municipais.
O BNG de Vigo demanda a retirada da publicidade taurina instalada en diferentes vías públicas da cidade