O BNG de Vigo denuncia a “fobia contra crianzas e mocidade” na política do Goberno municipal
Critican que o feche das ludotecas é “un capítulo máis no total desmantelamento das políticas para a mocidade e a infancia”.
Xabier P. Igrexas: “A nefasta xestión do Goberno deixa claro que non hai ninguén ao volante na área de Xuventude”.
NADAL¬ A fronte nacionalista cualifica de “delirante” que o alcalde anuncie en pleno mes de abril, nun contexto de preocupación pola evolución da pandemia e de grave crise social, a programación do nadal. Igrexas chama a Caballero a “exercer de alcalde en lugar de actuar coma se fose o director dun grande parque temático”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar que a política do Goberno municipal de Vigo “raia na fobia contra as crianzas e a mocidade”, após se producir nos últimos días o feche das ludotecas municipais por non se ter licitado a tempo a súa xestión. Desde a fronte nacionalista inscriben este feche no continuado desmantelamento das políticas para a mocidade e a infancia na cidade.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, respondeu ao feche das ludotecas de Coia e Casa da Xuventude que se vén de producir hai poucos días e que provocou xa un ERTE para o persoal afectado, cargando contra o “total desleixo e desinterese” do Goberno local no que ten a ver coa promoción de políticas e alternativas para as crianzas e a mocidade.
Igrexas lembrou que a clausura das ludotecas engádese ao feche do Vigosónico, hai un ano, ou á desparición do Punto Xove e do Súbete ao Castro, así como á drástica redución dos servizos que ofrecía a propia Casa da Xuventude. Unha política que para o nacionalista “comeza a raiar na fobia contra as crianzas e a mocidade”, sinalando que a cativada de Vigo continúa cos parques infantís fechados desde outubro, malia se ter reaberto outras instalacións en recintos fechados.
Falla de xestión
O portavoz municipal nacionalista asegurou non poder realizar unha valoración da xestión da actual concelleira delegada de Xuventude, Carmen Lago, afirmando que non teñen “elementos obxectivos que permitan nin tan sequera acreditar que hai algún tipo de xestión”. “A nefasta xestión do Goberno deixa claro que non hai ninguén ao volante na área de Xuventude”, alertou.
Igrexas afeou o “continuado desinterese” do Goberno de Abel Caballero cara as nenas e nenos e o conxunto da xente moza. “Parece como se para Caballero as crianzas e a mocidade non fosen parte de Vigo”, afirmou, reclamando un cambio “radical” nesta política de continuado abandono.
NADAL¬ Reacción aos anuncios do alcalde
Desde o Bloque reaccionaron tamén aos anuncios realizados na mañá deste xoves polo alcalde de Vigo en relación á eventual programación de actividades do nadal. Para Igrexas é “delirante” que Caballero anuncie “en pleno mes de abril, neste contexto de preocupación pola evolución da pandemia e de grave crise social” cuestións como o retorno da noria xigante ou espectáculos en 3D.
O portavoz municipal nacionalista considera que Caballero “renunciou hai tempo a ser alcalde e actúa como se fose o director dun grande parque temático”. Neste sentido, instouno a “exercer as súas responsabilidade e a poñer en marcha todos os recursos e capacidades do Concello para enfrontar os efectos sociais e laborais que está a ter a crise da Covid19 e a atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”.