O BNG de Vigo lamenta que a nova ordenanza municipal de praias se tramitase sen participación e diálogo

bfd9f91f52f3b133e4fe108146c1de5f

Critican que se teñan rexeitado a práctica totalidade das suxestións, emendas e alegacións, da veciñanza, colectivos sociais e forzas políticas da oposición.

Xabier P. Igrexas: “Caballero convirte os procesos de exposición pública nunha formalidade burocrática, sen utilidade ningunha pola súa teimuda xordeira a calquera opinión diferente”.

Alertan de que a nova ordenanza non resolverá o conflito creado pola decisión unilateral do Goberno local de converter a Foz e a Calzoa nos únicos areais para cans.

O BNG de Vigo lamenta que a nova ordenanza municipal de praias se tramitase sen participación e diálogo

O Bloque Nacionalista Galego criticou que o Goberno municipal de Vigo tramitase a elaboración da nova ordenanza municipal reguladora do uso e desfrute dos areais do termo municipal de Vigo, sen apenas participación nin diálogo. A fronte nacionalista denuncia que non se tiveron en conta nin as emendas dos grupos da oposición nin as alegacións de veciñanza e colectivos sociais. Alertan de que coa nova norma o executivo local renuncia a resolver o problema creado pola configuración das praias da Foz e a Calzoa como aptas para animais.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou a tendencia continuada do Goberno local de Abel Caballero de tramitar modificacións normativas "sen ter en conta máis opinión que  a súa". No concreto, o edil lembrou que durante o proceso de elaboración da nova ordenanza de praias non se tiveron en conta as suxestións cidadás, rexeitaronse a práctica totalidade das emendas da oposición, entre elas 13 promovidas polo BNG, e tampouco se atenderon as alegacións formuladas durante o proceso de exposición pública após a aprobación inicial en Pleno.

"Vemos como Caballero convirte os procesos de exposición pública nunha formalidade burocrática, sen utilidade ningunha, xa que se o seu Goberno se nega a incorporar ningunha proposta, nin idea, nin modificación, das que veciñas e veciños ou colectivos sociais lle trasladan", denuncia. Un xeito de actuar que, para Igrexas, empobrece a calidade democrática do Concello. "Democracia non é só votar cada catro anos. Democracia é diálogo, é participación. É permitir de maneira real que as viguesas e vigueses e o tecido asociativo poidan intervir nas decisións que lles afectan", reprochou.

Conflito da Foz e a Calzoa

Desde a formación nacionalista malia recoñecer que a ordenanza presenta algúns aspectos positivos, subliñan que a "xordeira" do Goberno impedirá que se resolva o problema creado pola súa decisión unilateral de converter os areais da Foz e da Calzoa nas únicas praias con presenza autorizada de animais. Unha fórmula que non contou co apoio nin dos colectivos de defensa dos animais, nin do movemento ecoloxista nin da propia veciñanza, e que motivou a recollida de máis de 2 mil sinaturas e un pronunciamento en contra de 50 entidades.

"O Goberno local négase a resolver o problema que el mesmo creou. No seu momento o BNG xa lle advertimos que esa non era a fórmula adecuada, e que se o que se quere é permitir a presenza de animais nos areais, tíñase que deseñar coa participación da veciñanza e dos colectivos implicados. A conversión da Foz e a Calzoa en praias para cans, confinando os animais neses dous pequenos areais, non satisfai a ninguén e ten provocado unha importante problemática veciñal pola inacción do Goberno para garantir a seguridade, hixiene e salubridade e o respeito ás normas de convivencia", explica o portavoz municipal nacionalista.

Precisamente unha das emendas do BNG rexeitadas polo Goberno local recollía que "A Xunta de Goberno Local revisará, no prazo de 1 mes desde a entrada en vigor desta ordenanza, coa participación de colectivos veciñais afectados, ambientais e de defensa dos animais os acordos adoptados e en vigor a respeito da autorización de acceso de cans nos areais da Calzoa e  Foz do Lagares", co obxectivo de procurar unha solución negociada e satisfactoria.

O BNG de Vigo lamenta que a nova ordenanza municipal de praias se tramitase sen participación e diálogo