O BNG de Vigo denuncia que o Goberno local sigue adiante co macropolígono industrial da Garrida
En resposta a unha interpelación do Bloque a concelleira de Urbanismo, María José Caride, anunciou que esta mesma semana tramitarán no IGVS a solicitude de modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais para ampliar o polígono previsto no PXOU do 93.
Xabier P. Igrexas: “Ninguén xustificou até o momento a necesidade dun polígono de 400 mil metros cadrados en Valadares que vai afectar a un número importante de vivendas habitadas e con evidentes efectos ambientais”
A fronte nacionalista anuncia que levará o asunto ao Parlamento de Galiza para reclamar á Xunta que non autorice este macropolígono que conta co rexeitamento maioritario da veciñanza.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou publicamente que o Goberno municipal de Vigo segue adiante coa intención de instalar na Garrida, na parroquia de Valadares, un macropolígono industrial de 400 mil metros cadrados. A fronte nacionalista reitera o seu apoio á veciñanza que se opón a un proxecto que consideran “inxustificado” e que afectará a un número importante de vivendas ocupadas e que ten afeccións ambientais. Levarán o asunto ao Parlamento de Galiza para reclamar á Xunta que non modifique o Plan Sectorial de Áreas Empresariais para incluír a ampliación que pretende o Goberno local.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, interpelou este martes no Consello da Xerencia de Urbanismo á concelleira, María Xosé Caride, a respeito de se o Goberno local mantiña a previsión de instalar un polígono de 400 mil metros cadrados na Garrida ou se, pola contra, ían ter en conta a maioritaria oposición veciñal a este proxecto. Na súa resposta, Caride, confirmou que o executivo local que preside Abel Caballero continúa prevendo incluír ese macropolígono novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e deu conta de que para esa finalidade esta semana tramitarán a solicitude de modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, para incluír a ampliación que promoven para o mesmo e que duplica a extensión prevista no PXOU do 93.
Igrexas, que mantivo días atrás un encontro co CVC de Valadares, a Comisión de Afectadas/os da Garrida e Agapa, reitera o “total apoio do BNG á posición da veciñanza que maioritariamente rexeita un proxecto que ameaza un número importante de vivendas habitadas, algunhas delas despois de teren sido construídas recentemente, e que ten algunhas preocupantes afeccións ambientais”.
O edil nacionalista sinalou, ademais, que nin o Goberno local nin a equipa redactora do novo PXOM lograron xustificar a necesidade dese macropolígono nunha parroquia xa afectada por outros ámbitos industriais como o Parque Tecnolóxico e Loxístico. “A día de hoxe non coñecemos a xustificación para este novo proxecto que ameaza con tronzar unha parroquia como Valadares”, reprochou.
Desde o Bloque apostan por abrir un debate “sereno, pero sobre todo transparente e participativo, sobre as necesidades reais da cidade en materia de solo industrial e a súa ordenación” en lugar de deseñar “na escuridade dos despachos” polígonos como o da Garrida.
Iniciativa ao Parlamento galego
A fronte nacionalista anunciou que promoverán unha batería de iniciativas no Parlamento galego, a través da deputada Alexandra Fernández, co obxecto de demandar da Xunta de Galiza que non se autorice a ampliación do polígono da Garrida, rexeitando a modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais.
“Estes días vimos e escoitamos a representantes do PP de Vigo asegurar, cremos que cinicamente, que están do lado da veciñanza que se opón a este polígono. Pero o que teñen que saber as veciñas e veciños da Garrida, de Valadares e do conxunto de Vigo, e que se esta barbaridade se fai realidade só poderá ser co acordo cómplice da Xunta do Partido Popular”, advertiu Igrexas.