O BNG de Vigo denuncia que a “incompetencia” do Goberno municipal impide constituír o Consello da Xerencia de Urbanismo
A fronte nacionalista lamenta que a “teimosía” de Abel Caballero teña o máximo organismo urbanístico aínda pendente de formación, malia as advertencias do Bloque
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, cuestiona a decisión do alcalde de deixar fóra do Pleno de Organización a designación de representantes, que obrigará a convocar unha nova sesión extraordinaria
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a “incompetencia” do Goberno de Abel Caballero impediu constituír o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. A fronte nacionalista lamenta que a “teimosía” do alcalde teña o máximo organismo de dirección da política urbanística da cidade pendente de formación, malia as sucesivas advertencias do Bloque.
Así o criticou este mércores o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que o pasado 29 de xuño xa alertou nun escrito de “importantes” defectos na convocatoria do Pleno de Organización, celebrado o 3 de xullo. Entre eles, que non figuraba na orde do día a designación de representantes da Corporación para o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo.
Un escrito que, reprochou Igrexas, foi “reiteradamente desatendido” por Caballero tanto nos días previos ao Pleno como na propia sesión, onde formulou unha cuestión de orde para reiterar esta advertencia. A negativa do rexedor a atender estas reclamacións derivou o propio 3 de xullo nun informe “claro e rotundo” do Secretario Xeral do Concello nos mesmos termos expresados pola fronte nacionalista.
Tal como recolle o informe do Secretario Xeral, a constitución do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo ten que contar cun acordo plenario, o que obrigará a convocar unha sesión extraordinaria unicamente para abordar esta cuestión. “Unha decisión que se podía ter aprobado o pasado 3 de xullo e deixa á cidade sen o máximo organismo urbanístico”, afeou o portavoz do BNG.
“Todo pola teimosía de non escoitar e rectificar por parte dun Goberno municipal que, malia levar 16 anos á fronte dos asuntos públicos de Vigo, o que está a demostrar máis unha vez é unha rotunda incompetencia”, remachou Igrexas.