O BNG de Vigo denuncia que a actualización do Inventario Municipal leva no “limbo” durante ano e medio
A fronte nacionalista solicita información sobre o estado de tramitación deste expediente, que incorpora preto de 21 mil modificacións sobre os bens e dereitos do Concello, e sobre as moitas alegacións veciñais que aínda non teñen resposta
Xabier P. Igrexas: “A cidade necesita dun alcalde que goberne e xestione, non apenas dun tertuliano televisivo”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a actualización do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Vigo leva no “limbo administrativo” durante ano e medio. A fronte nacionalista solicita información do Goberno municipal sobre o estado de tramitación do expediente, que incorpora preto de 21 mil modificacións sobre os bens e dereitos municipais, aprobado inicialmente en xaneiro de 2023 polo PSOE e o PP.
Así o demandou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, urxindo tamén resposta ás moitas alegacións veciñais recibidas que aínda non tiveron contestación do Goberno local nin tampouco os grupos da oposición puideron coñecer polo momento.
Igrexas lamentou este novo exemplo de “falla de transparencia” por parte do Executivo de Abel Caballero, a quen afeou o “escaso prazo” para a exposición pública, que rematou en marzo do ano pasado. “Un proceso que foi reducido a un mes, rexeitando a demanda do BNG de amplialo a tres, e que se fixo sen habilitar un visor web que facilitase a consulta dun expediente de case 4.500 páxinas e de evidente complexidade técnica”, criticou.
O portavoz nacionalista lembrou que a actualización do Inventario Municipal “non é un trámite burocrático” e reivindicou a súa importancia á hora de definir que viais e espazos son de titularidade pública, cunha evidente afectación a nivel urbanístico e de mantemento. Así o demostran, a xuízo do Bloque, situacións como as que vive a veciñanza da contorna da rúa Bueu, en Coia, onde o Concello se “desentende” de actuar en viais “degradados e inaccesíbeis” alegando que non son da súa competencia.
“Que a actualización do Inventario estea nun limbo administrativo durante case un ano e medio xera unha maior desprotección das viguesas e vigueses diante de decisións que lles afectan nalgúns casos en primeira persoa, pero que teñen un claro impacto en termos de interese público”, valorou Igrexas.
Un alcalde que xestione e non un tertuliano
Dende a fronte nacionalista consideraron que esta situación evidencia máis unha vez a “total falla de xestión” por parte do Goberno municipal, malia contar cunha amplia maioría absoluta e con máis recursos económicos que ningún outro Executivo na historia da cidade. “É incapaz de atender con axilidade e eficiencia aspectos tan importantes como completar dunha vez por todas a actualización dun Inventario que comezou a revisarse hai 23 anos”, reprochou.
O portavoz municipal do BNG achacou esta circunstancia a que os 19 concelleiros do Goberno local fiquen reducidos a un “superconcelleiro de propaganda” na figura de Abel Caballero. “A cidade necesita dun alcalde que goberne e xestione, non apenas dun tertuliano que o único que xestiona é o seu autobombo e propagandístico, con paseos por platós televisivos como o que vai volver protagonizar hoxe con Risto Mejide”, remachou.