O BNG chama a corrixir a sinalización das rúas de Vigo que aínda non están en galego
A fronte nacionalista denuncia numerosos exemplos que incumpren a Ordenanza municipal de Normalización Lingüística, que fixa o galego como idioma do rueiro vigués
Ana Martínez: “Estas sinalizacións perduran no tempo e son a imaxe do concello, e dende o BNG queremos que Vigo sexa unha cidade orgullosa e que fomente a nosa lingua”
O Bloque Nacionalista Galego chama a corrixir a sinalización das rúas de Vigo que aínda non están en galego. A fronte nacionalista denuncia numerosos exemplos de vías da cidade incumpren a Ordenanza municipal de Normalización Lingüística, que fixa o galego como idioma do rueiro vigués.
Así o esixiu este venres a concelleira do BNG, Ana Martínez, quen lamentou que persistan na rede viaria da cidade un importante número de sinalizacións en castelán, algunhas de creación recente: Carretera de Miraflores, Carretera da Ponte de Segade, Subida a la Cuesta, Subida al Castillo, Carretera de Bembrive, Orense, Bayona, Vizcaya. “Estes son só algúns dos topónimos deturpados que se poden ler nas rúas, estradas, camiños e paradas de autobús da nosa cidade”, subliñou.
Diante desta situación, Martínez demandou que o Goberno municipal actúe para corrixir estas rotulacións, tanto as de responsabilidade municipal como as que dependen de outras administración, así como a ter en conta esta normativa no seu plan de renovación das sinalizacións viarias. “Estes elementos perduran no tempo e son a imaxe do concello”, valorou a concelleira nacionalista, reivindicando un Vigo orgulloso da lingua galega e que contribúa activamente a fomentar o seu uso na cidade.
Dende a fronte nacionalista consideraron que non chega con que o alcalde, Abel Caballero, utilice o galego de “xeito anecdótico e ritual” durante o Día das Letras Galegas. “O Concello de Vigo ten que amosar o seu compromiso total coa plena normalización da nosa lingua na maior cidade de Galiza”, defendeu Martínez. “E iso pasa por usar o noso idioma en todos os contextos, tanto orais coma escritos, por parte de todos os concelleiros e concelleiras na súa relación coa cidadanía, cos medios de comunicación, e tamén na cartelaría e sinalizacións viarias”, remachou.