O BNG de Vigo denuncia que as ludotecas municipais só contan con 1 euro ao mes para material por crianza
A fronte nacionalista demanda a mellora dos servizos na Casa da Xuventude e no pavillón de Coia e rexeita o “inxustificado” cambio de centro das monitoras
Xabier P. Igrexas: “A situación das ludotecas é unha evidencia máis do desmantelamento do Goberno de Abel Caballero das políticas para a xuventude e a infancia da nosa cidade”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a precariedade das ludotecas municipais, que só contan con 1 euro ao mes para material por crianza. A fronte nacionalista demanda a mellora dos servizos que se prestan na Casa da Xuventude e no pavillón de Coia, diante das carencias nas dúas instalacións, e rexeita o “inxustificado” cambio de centro das monitoras imposto pola Concellaría de Xuventude.
Así o reclamou este mércores o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen enmarcou estas eivas no “abandono e desmantelamento” das políticas para a xuventude e a infancia por parte do Goberno de Abel Caballero durante os últimos anos. “Políticas nas que Vigo chegou a ser un referente en todo o Estado, con iniciativas como as Noites Vivas ou os Castroconcertos”, reivindicou.
Igrexas valorou como “incomprensíbel” que o Concello apenas destine 50 euros ao mes para material en ambas ludotecas cando contou este ano cun orzamento superior aos 400 millóns de euros.
“Falamos de 1 euro por mes para material por crianza que non dá, literalmente, nin para folios nos que debuxar”
O portavoz nacionalista cuestionou tamén a decisión “arbitraria” de cambiar as actuais monitoras de centro “sen ningún tipo de explicación”. Nese sentido, advertiu dos trastornos que pode xerar esta decisión, lembrando que as crianzas usuarias estabelecen un vínculo tanto pedagóxico como de seguridade coas persoas monitoras “esencial” para o bo funcionamento destes servizos, cun carácter educativo e sociocomunitario ademais de lúdico.
Sobre a ludoteca da Casa da Xuventude, Igrexas criticou o “escaso” espazo e a falla de investimentos municipais para equipamentos. Con respecto á dotación de Coia, reprochou as “dificultades” para que poidan desenvolver actividades nas instalacións deportivas do pavillón. Dende a fronte nacionalista lamentaron ademais “a falla de sensibilidade” do Goberno local por non dotar de persoal de reforzo as ludotecas para atender ás usuarias con necesidades específicas, como o caso das crianzas con TEA.
“Pode que non luza tanto como grandes obras como o HALO, pero atender e ofrecer actividades en condicións dignas para as nosas crianzas e mocidade, inda que non teñan idade para votar, merece tamén dun maior esforzo por parte do Concello de Vigo”, remachou o voceiro municipal do BNG.