O BNG de Vigo denuncia que nada se sabe sobre a presunta indemnización a Vitrasa anunciada por Caballero
A fronte nacionalista advirte de que o suposto reequilibrio económico da concesión de bus urbano non pode ser un cheque para salvar a conta de resultados da empresa nin para unha saída en falso do conflito aberto hai máis de dous anos
Pregunta ao alcalde cando vai convocar unha xuntanza entre a dirección de Vitrasa e o Comité de Empresa, como propuxo o Bloque, despois da “farsa” da mediación no AGA
Xabier P. Igrexas: "Caballero ten que deixar de actuar como se fose un executivo de Vitrasa, insultando os traballadores e traballadoras, e implicarse na busca dunha solución”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que nada se sabe sobre a presunta indemnización a Vitrasa anunciada hai unha semana polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. A fronte nacionalista advirte de que o suposto reequilibrio económico da concesión de bus urbano non pode ser un cheque para unha saída en falso do conflito aberto hai máis de dous anos no servizo de bus urbano.
Así, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, vén de solicitar acceso a toda a documentación sobre este suposto reequilibrio “para coñecer que hai de verdade tras dese anuncio que parece que o único obxectivo que tiña era evitar que o conflito de Vitrasa lle amargase o acto de acendido das luces de Nadal”.
Igrexas defendeu nese sentido que unha nova indemnización a Vitrasa, que se sumaría aos case 6 millóns de euros xa pagados polo Concello e ao “agasallo” dunha prórroga de cinco anos na concesión, ten que incluír garantías de melloras no servizo de bus e das condicións laborais e salariais do persoal. “Dicímolo de maneira rotunda: non se trata de volver inxectar diñeiro público para salvar a conta de resultados da empresa”, reclamou.
Xuntanza entre Vitrasa e Comité de Empresa
Aliás, interpelou ao alcalde sobre cando vai convocar unha xuntanza entre a dirección de Vitrasa e o Comité de Empresa, como propuxo o Bloque, despois da “farsa” da mediación no AGA que rematou sen avances o pasado venres. ¿Cantas xornadas de folga vai ter que seguir padecendo a veciñanza de Vigo para que inicie unha verdadeira negociación?”, cuestionou após cumprirse o sexto día de folga indefinida.
O portavoz nacionalista chamou a Caballero a deixar de actuar como “un executivo ou accionista” de Vitrasa e afeou os seus “insultos” contra os traballadores e traballadoras “nun discurso antisindical propio da dereita máis reaccionaria”. Igrexas demandou ao rexedor que se implique na busca dunha solución neste servizo que, lembrou, é de titularidade municipal. “O alcalde ten que deixar atrás a súa descarada complicidade con Vitrasa, á quen lle consente graves incumprimentos tanto das obrigas laborais como da prestación do servizo, para poñerse a carón do interese público da cidade e do persoal”, remachou.