O BNG de Vigo denuncia un novo vertido no río Lagares
O pasado martes rexistrouse a presenza de augas moi turbias, de orixe descoñecida, nas inmediacións de Severino Cobas en Lavadores
A fronte nacionalista demanda máis medios para a conservación do “pulmón azul e verde” da cidade e propoñen retomar o proxecto dun sistema de telecontrol e videovixilancia para monitorizar en tempo real o curso fluvial
Xabier P. Igrexas: “Cómpre que o Goberno municipal dedique máis medios para a protección e conservación do río e, sobre todo, para combater con contundencia os vertidos ilegais”
Desde o Bloque Nacionalista Galego denunciaron esta mañá un novo vertido “potencialmente contaminante” no río Lagares. O mesmo produciuse o pasado martes nas inmediacións de Severino Cobas, en Lavadores, con presenza de augas moi turbias das que se descoñece a súa orixe. A fronte nacionalista denuncia que “son xa numerosos, demasiados, os puntos nos que se rexistra de forma recorrente estas verteduras de augas sen tratar” no curso fluvial.
O Portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reiterou que “é necesario, é imprescindíbel, que o Goberno municipal de Abel Caballero actúe con determinación para protexer o elemento de enorme valor ambiental que representa o Lagares”. “O río Lagares é o verdadeiro pulmón azul e verde da nosa cidade e cómpre que o Goberno municipal dedique máis medios para a súa protección e conservación e combater os vertidos ilegais despregando un compromiso real coa sustentabilidade, na certeza de que o futuro de Vigo só pode ser verde”, acrecentou.
O nacionalista sinalou que existen solucións tecnolóxicas que permitirían monitorizar en tempo real o estado do río para evitar que siga sendo usado como un “gran sumidoiro” e para identificar ás persoas ou empresas responsábeis destas verteduras e actuar con contundencia. Nese sentido, Igrexas demandou que se reinicie o proxecto para dotar o río dunha rede de telecontrol e vídeovixilancia, similar á impulsada por iniciativa nacionalista durante a súa etapa no Goberno municipal e que leva moitos anos sen funcionar por causa do desleixo e do abandono do propio Concello de Vigo.