O BNG de Vigo pide a Caballero que non volva “estafar” a cidade co “retorno económico imaxinario” do nadal
A fronte nacionalista refuta a estimación de 1.000 millóns de euros de retorno, sostida polo alcalde, con datos oficiais da Axencia Tributaria e do Instituto Galego de Estatística
O nadal de 2023 supuxo un 7,37% menos de recadación de IVE na cidade que o nadal anterior, e rematou con 195 empregos menos no sector servizos dos que había en novembro
Xabier P. Igrexas: “Os datos, unha vez máis, matan o relato de Caballero e deixan en evidencia que o seu conto do nadal é un capítulo máis dentro da fábula do Rei espido no que está instalado, absolutamente desconectado da realidade e obsesionado con dar titulares histriónicos para alimentar a súa xira por platós televisivos”
Desde o Bloque Nacionalista Galego demandan ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que non volva intentar estafar as viguesas e vigueses con “datos inventados” do retornos económico do nadal.
O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou que Caballero se atrevese a afirmar que o nadal vigués era a principal industria da cidade o que cualificou de “absoluto disparate, que xustificou cifrando sen ningún dato, nin indicador, nin informe técnico que o respaldase que o retorno económico que xeraba situábase por acima dos 1.000 millóns de euros con 6 millóns de visitas”. Un movemento económico que ten sido utilizado reiteradamente polo rexedor como escusa ou xustificación para “impoñer caprichosamente un modelo de nadal que reduce durante 3 meses a cidade a un parque temático inhabitábel e inseguro”.
“Un número [o dos 1.000M€] que só existe na cabeza do alcalde e na súa inesgotábel imaxinación pero que os datos oficiais botan por terra. Non é o BNG quen refuta a súa falsidade. É a propia Axencia Tributaria, que nos datos desagregados de recadación de IVE na delegación de Vigo, recolle que o nadal de record do pasado ano 2022 supuxo, computando os meses de novembro, decembro e de xaneiro, un 7,37% menos de ingresos fiscais que o nadal anterior na nosa cidade”, explicou o portavoz municipal nacionalista.
Menos recadación de IVE e menos emprego
Os datos oficiais de recadación territorializada da delegación de Vigo da Axencia Tributaria recollen que nos meses de novembro, decembro de 2022 e xaneiro de 2023, a recadación neta do Imposto de Valor Engadido atinxiu 109.862.000 euros, un 7,37% menos que no mesmo período do ano anterior cando a cifra se elevou a 118.612.000 euros.
Por outra parte, a fronte nacionalista bota man das cifras oficiais do paro rexistrado, publicadas polo Instituto Galego de Estatística, nos que se recollen que se ben de novembro a decembro do pasado ano se crearan apenas 192 empregos no sector de servizos, o mes de xaneiro remataba con 195 parados máis que no inicio do nadal. “Creación de emprego non xa cero, senón negativa. Menos de 200 de postos de traballo ultratemporais, por unhas poucas semanas, e absolutamente precarios.”, resumiu.
A evolución do paro rexistrado reflicte que en novembro de 2022 o número de persoas desempregadas no sector servizos na cidade de Vigo eran 14.161, en decembro descendeu a 13.969 e volvía subir en xaneiro de 2023 con 14.356.
“É claro que un catedrático de economía como Abel Caballero é perfectamente consciente de que un retorno mil millonario como o que el afirma tivo o pasado nadal, tería que traducirse nun incremento substancial tanto na recadación impositiva polo aumento da actividade económica como tamén na creación de emprego. Pero os datos, unha vez máis, matan o seu relato e deixan en evidencia que o seu conto do nadal é un capítulo máis dentro da fábula do Rei espido no que está instalado, absolutamente desconectado da realidade e obsesionado con dar titulares histriónicos para alimentar a súa xira por platós televisivos”, remachou Igrexas.