O BNG de Vigo denuncia a opacidade e falla de participación na elaboración de proxectos do Concello para acudir aos fondos de recuperación
Propoñen que se poña en marcha un grupo de traballo con todas as forzas políticas da Corporación para poñer en común ideas e propostas.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos enterrar estes recursos só en gasto inaugurábel en ascensores e escaleiras mecánicas, que son até o momento os únicos proxectos que anunciou Abel Caballero"
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a "total opacidade e falla de participación" por parte do Goberno municipal no proceso de elaboración de proxectos cos que o Concello de Vigo poida optar a financiamento extraordinario a través dos fondos de recuperación fronte aos efectos da crise da Covid19. A fronte nacionalista volve demandar a constitución dun grupo de traballo, con todas as forzas políticas da Corporación municipal, para poñer en común ideas e propostas que permitan aproveitar estes recursos para atender as necesidades reais da cidade.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que xa foron varias as interpelacións realizadas ao Goberno de Abel Caballero, tanto en Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda ou no propio Pleno, para coñecer en que proxectos está a traballar o executivo local sen teren obtido resposta ningunha. Igrexas subliñou que o acceso a financiamento extraordinario debe orientarse prioritariamente a atender os efectos da crise derivada da pandemia. "A cidade atravesa unha situación de emerxencia, con graves problemas no ámbito social, laboral e produtivo, que precisan despregar políticas concretas para enfrontalos", explicou.
Desde o Bloque defenden ademais que os recursos económicos do Concello, sumando aos orzamentos ordinarios a mobilización de remanentes e superávit ademais dos fondos de recuperación, deben orientarse tamén a poñer en marcha proxectos "estruturantes" que permitan avanzar na "transformación da cidade a medio e longo prazo".
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista chamou a "non enterrar estes recursos só en gasto inaugurábel en ascensores e escaleiras mecánicas, que son até o momento os únicos proxectos que anunciou Abel Caballero". En troca, Igrexas, avoga por despregar "proxectos de calado que permitan dar un novo impulso á cidade, que transformen en positivo Vigo", afrontando reptos como a mellor atención dos barrios e parroquias, a mobilidade ou a política cultural.
Grupo de traballo
A fronte nacionalista volveu reiterar a súa proposta de que se constitúa un grupo de traballo, que conte coa participación de todas as forzas políticas con representación municipal, que permita poñer en común ideas e propostas. "O BNG mantemos a nosa man tendida, a nosa disposición a sumar en positivo, de aportar propostas construtivas, para aproveitar a oportunidade histórica que supón que o Concello dispoña dunha importantísima cantidade de recursos. Por iso que dicimos é que esta decisión non pode ter en conta só a opinión de Abel Caballero", recalcan.