O BNG insta a Xunta e Concello de Vigo a desbloquear o novo instituto en Navia
A fronte nacionalista censura a “obscena propaganda” do Goberno galego por anunciar unha partida nos vindeiros orzamentos cando non dispón aínda dun proxecto construtivo
Denuncia tamén o “xogo perverso” de Abel Caballero de poñer atrancos ao centro educativo para alimentar a súa estratexia de confrontación coa Xunta
Xabier P. Igrexas: “Teñen que deixar de utilizar como arma na lea partidista un asunto tan importante para Navia e para o conxunto de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego insta a Xunta de Galiza e Concello de Vigo a deixar as escusas para desbloquear dunha vez o novo instituto no barrio de Navia. A fronte nacionalista chama a ambas administracións a deixar de utilizar como “arma para a continua lea partidista” a posta en marcha deste “imprescindíbel” centro de ensino e demanda cooperación para facelo realidade o antes posíbel, tras anos de reivindicacións veciñais e da comunidade educativa e numerosas promesas incumpridas.
O portavoz municipal e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, censurou nese sentido o recente anuncio do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, dunha partida de 14 millóns de euros para o instituto nos vindeiros orzamentos galego que, finalmente, ascende a 6,9 millóns. “A Xunta do PP segue mentíndolle á veciñanza, este anuncio é unha obscena propaganda cando a día de hoxe non dispoñen nin tan sequera do proxecto para poder construílo”, recriminou o edil nacionalista.
Igrexas asegurou que as continuas “escusas” do Goberno galego esconden en realidade o desinterese por cumprir con esta demanda histórica no barrio vigués. “Primeiro o problema era a aprobación do plan parcial de Navia, cousa que era falsa pero inda así aprobouse, e agora din que é por causa do bloqueo burocrático para a cesión dos terreos”, rexeitou.
O candidato do BNG por Vigo afeou o intercambio de propostas de convenio que “en realidade ningunha das partes está disposta a asinar”
Acusou nese sentido ao alcalde, Abel Caballero, de instalarse nun “xogo perverso do canto peor mellor”, poñendo atrancos ao centro para seguir alimentando a súa estratexia de confrontación coa Xunta.
“Non todo vale”, lamentou o voceiro municipal do Bloque, que insistiu na necesidade de que ambas administracións senten a cooperar dunha vez para materializar canto antes. “O único que fai falla é que tanto o PP como o PSOE deixen de utilizar como arma na lea partidista un asunto tan importante para Navia e para o conxunto de Vigo”, remachou.