O BNG de Vigo rexeita os orzamentos "placebo" da Xunta por insistir no maltrato á cidade
A fronte nacionalista reproba a pretensión do PP de “inducir con grandes números a falsa sensación de que corrixe o total abandono con Vigo durante máis dunha década”
Anuncia a elaboración de emendas para reforzar os servizos públicos, enfrontar a crise industrial e atender a débeda histórica en infraestruturas e dotacións públicas
Xabier P. Igrexas: “Este proxecto orzamentario amosa que non hai unha vontade real da Xunta de rectificar esta política en contra dos intereses da cidade e da maioría social”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeita o proxecto de orzamentos da Xunta para 2023 por insistir no “maltrato” á cidade. A fronte nacionalista cualifica de “placebo” as contas presentadas este mércores e reproba a pretensión do PP no Goberno galego de “inducir con grandes números e sumas forzadas a falsa sensación de que corrixe o total abandono con Vigo durante máis dunha década”.
O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou o intento de “envolver en moita propaganda uns orzamentos que o único que amosan é a falla de vontade real da Xunta de rectificar a política en contra dos intereses da cidade e da maioría social das viguesas e dos vigueses”. Sobre a presentación do proxecto, tachou de “insólito” que fora anunciado pola delegada territorial da Xunta e candidata local do PP antes de que o propio Parlamento galego teña acceso ao documento.
Igrexas avanzou porén que a fronte nacionalista traballa xa na elaboración de emendas para reclamar un aumento substancial dos recursos co obxectivo de reforzar os servizos públicos, enfrontar a crise industrial e atender a débeda histórica en infraestruturas e dotacións públicas coa maior cidade de Galiza.
Sanidade pública infradotada
Nese sentido, o candidato nacionalista reprochou que Vigo siga tendo unha sanidade pública “infradotada”, cun Punto de Atención Continuada (PAC) e uns centros de saúde “sobrepasados e ao límite do colapso”, ademais de importantes deficiencias na atención pediátrica ou con listas de agarda “absolutamente insoportábeis”. Sinalou tamén as carencias en materia educativa onde, por exemplo, 2 de cada 3 solicitudes en escolas infantís quedan sen praza por falla de oferta pública.
Sen solucións á crise industrial
O edil do BNG lamentou que nese proxecto “fantasioso” de orzamentos non exista un compromiso para reactivar a actividade económica e produtiva na cidade. “Estas contas non apostan por combater cunha decidida intervención pública a grave crise industrial, con actividades chave e estratéxicas como o naval e a automoción atravesando graves dificultades”, recriminou.
285 millóns rexeitados polo PP
Desde a fronte nacionalista puxeron como evidencia desta falla vontade do Goberno galego do PP con Vigo as constantes negativas ás propostas formuladas polo BNG para as contas dos últimos catro anos, que terían suposto un investimento de 285 millóns de euros adicionais na cidade.