O BNG esixe cunha acción simbólica en Vigo a devolución do rescate bancario e un tope contra a suba das hipotecas
A fronte nacionalista reclama poñer fin aos “abusos” da banca e denuncia os beneficios millonarios das entidades financeiras mentres a maioría social e o tecido produtivo padecen as consecuencias da grave escalada inflacionista
Chama a participar da manifestación convocada polo Bloque este vindeiro domingo en Compostela para esixir medidas urxentes dos Gobernos español e galego fronte á crise
Montse Prado: “Esta situación está supoñendo un roubo sistemático, as elites están facendo botín a costa da maioría da poboación”
O Bloque Nacionalista Galego vén de realizar este xoves unha acción simbólica, despregando unha faixa contra os abusos bancarios no interior dunha entidade financeira de Vigo, para esixir a devolución do rescate bancario e un tope contra a suba das hipotecas. A fronte nacionalista denuncia os beneficios millonarios da banca a costa dunha maioría social que padece as graves consecuencias da actual escalada inflacionista, a máis alta dos últimos 40 anos.
“Os bancos obtiveron un 33% máis de beneficios no que vai de ano e, na vez de devolver os 90 mil millóns de euros do rescate pagado cos impostos de todas e todos, seguen aumentando os tipos de interese, o que se traduce en máis dificultades para as familias e o tecido económico xa afogadas pola suba de prezos”, denunciou en declaracións aos medios a deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, acompañada da tamén deputada, Carmela González, o candidato do Bloque de Vigo, Xabier P. Igrexas, a cabeza de lista en Gondomar, Manuel R. Pumar, e militantes da organización.
Fronte a este contexto, a deputada nacionalista reiterou a urxencia de tomar medidas por parte dos Gobernos español e galego, a quen acusou de ter outras prioridades.
“A prioridade do Goberno español non pode ser incrementar o gasto militar nin a da Xunta rebaixarlle os impostos aos ricos”, censurou
Nese sentido, chamou a participar de forma masiva este domingo 18 de decembro na manifestación convocada polo BNG en Santiago de Compostela (12 horas, desde a Alameda) para mandar unha mensaxe “alta e clara” a ambos gobernos.
“Estánnos roubando”
Prado advertiu de que as previsións para 2023 apuntan a novos incrementos das hipotecas, unha media de 200 euros mensuais. Unha situación que, a xuízo das nacionalistas, require de actuacións para que non sexan as familias e as pequenas e medianas empresas quen paguen de novo as consecuencias da crise, mentres a banca, as multinacionais e as eléctricas “fan botín a costa da maioría”.
A deputada do BNG defendeu tamén medidas urxentes para controlar os prezos dos combustíbeis, dos produtos básicos de alimentación, da vivenda e da enerxía. “Estánnos roubando con esta suba dos prezos, estánnos roubando os salarios que soben menos do 3% cando a inflación está hoxe no 7,5% en Galiza e tamén nos servizos públicos, toda vez que o deterioro dos mesmos obríganos a quitar cartos do noso peto para compensalo”, alertou.
“Hai que rebelarse ante esta situación, diante deste roubo non cabe a resignación”, reivindicou Prado
“Para que os impostos dos galegos e das galegas se poñan ao servizo da maioría e non ao servizo das elites para que sigan facendo caixa”, remachou.