O BNG de Vigo lamenta que o Dolmen da Casa dos Mouros siga valado e pide mellorar a súa conservación
A fronte nacionalista critica o estado de abandono deste elemento histórico, ubicado en Candeán, como consecuencia do desleixo do goberno de Abel Caballero.
Xabier P. Igrexas: “Esta peza tan importante do legado da nosa cidade leva máis dun ano perimetrado por un peche de obra sen ningún tipo de explicación”.
O Bloque Nacionalista Galego lamenta o estado de abandono do Dolmen da Casa dos Mouros, que leva valado máis dun ano sen ningún tipo de explicación por parte do goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista reclama actuar “con decisión” para garantir a adecuada conservación e valorización deste importante elemento histórico, ubicado na parroquia de Candeán.
“O BNG interpelamos en sucesivas ocasións ao Goberno local sen obtermos até o momento ningún tipo de resposta”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que anunciou que volverán dar traslado desta situación á Concellaría de Patrimonio Histórico, dirixida pola tenente de alcalde Carmela Silva, así como á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza.
Igrexas cualificou de “inadmisíbel que o desleixo teña nun estado lamentábel” este vestixio de enorme valor da arquitectura dolménica en Vigo. “Non podemos permitir que o abandono que practica o goberno de Abel Caballero supoña un maior risco para a supervivencia deste dolmen que o paso de case 6 mil anos de antigüidade”, recriminou o edil nacionalista.
Por estes motivos, desde o Bloque demandan despregar medidas que melloren a conservación e valorización deste elemento, recuperado nos anos 90 polo Concello de Vigo, declarado como Ben de Interese Cultural e que forma parte do catálogo municipal de Patrimonio Histórico. “É preciso apostarmos por un maior coñecemento social desta peza tan importante do legado histórico da nosa cidade”, defendeu Igrexas.