O BNG de Vigo esixe a Caballero que cese na súa "política urbanística kamikaze” na tramitación do novo PXOM

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista denuncia unha nova prórroga “irregular” do Instrumento de Ordenación Provisional e pide ao Goberno local que deixe de utilizar os “atrasos interesados” da Xunta como “escusa para ter nun punto morto” o urbanismo da cidade

O portavoz municipal do Bloque alerta de que non se ten avanzado na tramitación das miles de alegacións ao novo Plan Xeral, que segue "secuestrado na escuridade dos despachos"

Xabier P. Igrexas: “Nunca na historia de Vigo houbo un contexto de tanta inseguridade xurídica no urbanismo pola decisión caprichosa e a nefasta xestión do Goberno municipal”

O BNG de Vigo esixe a Caballero que cese na súa "política urbanística kamikaze” na tramitación do novo PXOM

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que cese na súa “política urbanística kamikaze” diante das demoras para aprobar o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A fronte nacionalista denuncia unha nova prórroga “irregular” do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP) e pide ao Goberno municipal que deixe de utilizar os “atrasos interesados e incomprensíbeis” da Xunta de Galiza na emisión dos informes como “escusa para ter nun punto morto” o urbanismo da cidade.

“Nunca na historia de Vigo houbo un contexto de tanta inseguridade xurídicano urbanismo pola decisión caprichosa e a nefasta xestión do Goberno de Caballero”, cuestionou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “irresponsabilidade” todo o que rodea o proceso de tramitación do novo Plan Xeral que, tendo en conta os atrasos na elaboración, non se vai poder aprobar neste 2023 e “moi probábelmente” tampouco en 2024.

Así, Igrexas denunciou a “insistencia” da concelleira de Urbanismo, María José Caride, en repetir a mesma “xogada irregular” prorrogando o IOP, cuxa primeira suspensión de 3 meses no seu prazo de cómputo de vixencia que venceu no día de onte, 5 de xullo, está sendo examinada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

“O Goberno municipal quere volver dar para adiante ao balón do novo PXOM, que parece que non se quere tramitar ou hai moitas reservas a respecto de como tramitalo”

O portavoz do BNG alertou tamén de que non se ten avanzado na tramitación das miles de alegacións veciñais recibidas ao novo Plan Xeral, que segue "secuestrado na escuridade dos despachos" a xuízo das nacionalistas. Afeou ademais a negativa a que o equipo redactor do documento compareza na Xerencia de Urbanismo para explicar os avances, tal como demandou reiteradamente o Bloque. “Pasaron máis de dous anos dende a última vez que deron explicacións diante do Consello da Xerencia”, reprochou.

Escusas do Goberno municipal

Diante dos argumentos do Goberno municipal para xustificar estas demoras, Igrexas reclamou que se deixen de utilizar como “escusa” os “atrasos interesados e incomprensíbeis” da Xunta na emisión dos informes sectoriais preceptivos. “A señora Caride e o señor Caballero saben que, tal e como mandata a lei, cando un informe non se emite no prazo legalmente establecido este se entende por favorábel”, afirmou o edil nacionalista, que lembrou que inda non se iniciou o proceso de avaliación ambiental, imprescindíbel para avanzar cara a aprobación provisional do PXOM, e cuxo trámite vai demorar até cinco meses.

“Esta xestión absolutamente calamitosa ten o urbanismo da cidade nun punto morto”, lamentou o voceiro nacionalista, que criticou que ao mesmo tempo se manteña a “barra libre en función dos apelidos de quen pide as licenzas”, como demostrou o escándalo para a construción de chalés en Cabo Estai. 

O BNG de Vigo esixe a Caballero que cese na súa "política urbanística kamikaze” na tramitación do novo PXOM