O BNG de Vigo pide a “fin do réxime de excepción” que impón Caballero co seu autoritarismo

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro e portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista expresa o seu apoio á queixa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza contra os comportamentos do Alcalde e do seu Goberno

Demandan unha rectificación completa ao rexedor lembrándolle que “non hai maioría absoluta que permita amordazar a quen discrepa nin suspender dereitos fundamentais”

Xabier P. Igrexas: “A Caballero moléstanlle as preguntas incómodas de xornalistas e medios independentes, como lle anoxan as asociacións e colectivos que se atreven a discrepar ou a reivindicar, e como lle irrita o traballo político de oposición que fai o BNG. O que lle pasa é que ten unha grave alerxia á democracia”

O BNG de Vigo pide a “fin do réxime de excepción” que impón Caballero co seu autoritarismo

O Bloque Nacionalista Galego demanda a “fin do réxime de excepción” que impón o alcalde de Vigo, Abel Caballero, co seu talante “antidemocrático e cada vez máis autoritario” e que se vén de volver manifestar nos últimos días no seu comportamento “inaceptábel” contra xornalistas.

O portavoz municipal do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, expresou o seu total apoio á queixa trasladada desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza (CPXG) en contra da reiterada obstaculización que desde o Goberno municipal e, singularmente por parte da alcaldía, se fai do traballo dos medios de comunicación. 

“É gravísimo e non existen precedentes no Concello de que o CPXG teña que advertir oficialmente de que se producen prácticas que ‘constitúen unha gravísima limitación á liberdade de prensa e ao dereito a informar’, como veñen de denunciar”, afirmou. Neste sentido, acrecentou que “hostilizar os e as xornalistas ou os medios que se atreven a preguntar, como volveu quedar en evidencia nas últimas roldas de prensa do alcalde, supón erguer un muro de opacidade para que a cidadanía non coñeza o que realmente pasa no Concello”.

“Grave alerxia á democracia”

Igrexas inscribiu os atrancos ao exercicio xornalístico dentro dun “comportamento xeral e continuado en contra da transparencia, da pluralidade e da participación”. “A Caballero moléstanlle as preguntas incómodas de xornalistas e medios independentes, como lle anoxan as asociacións e colectivos que se atreven a discrepar ou a reivindicar, e como lle irrita o traballo político de oposición que fai o BNG. O que lle pasa é que ten unha grave alerxia á democracia”, reprochou o edil nacionalista.

Desde a fronte nacionalista esixen, por tanto, unha “rectificación completa” por parte do rexedor. “Democracia é moito máis que votar cada catro anos. E non hai maioría absoluta que permita amordazar a quen discrepa nin suspender dereitos fundamentais como o de liberdade de prensa, de expresión e manifestación ou a pluralidade política”, remachou o portavoz municipal nacionalista.
 

O BNG de Vigo pide a “fin do réxime de excepción” que impón Caballero co seu autoritarismo