O BNG lamenta que o Concello de Vigo destine a políticas de igualdade menos dunha quinta parte do gasto en luces de nadal
A fronte nacionalista reclama pasar dos discursos a despregar medidas concretas no ámbito das políticas feministas e contra a violencia machista
Xabier P. Igrexas: “É indecente que o goberno de Abel Caballero non teña executado aínda nin un só euro das partidas para campañas de sensibilización ou para o programa de inserción laboral de mulleres en situación de violencia machista”
O Bloque Nacionalista Galego lamenta que o Concello de Vigo destine a políticas de igualdade menos dunha quinta parte do gasto para luces de nadal. A fronte nacionalista reclama no Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero un “compromiso real e efectivo” durante todo o ano, pasando dos discursos a despregar medidas concretas no ámbito das políticas contra o machismo.
“O masivo clamor das mobilizacións feministas que nos últimos anos ateigaron a nosa cidade interpelaba a todas as administracións públicas para despregarmos un maior esforzo, con máis recursos e con máis medios”, salientou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista asegurou que “non abonda con declaracións ou xestos” e chamou a pasar dunha vez “á acción” para que o Concello de Vigo recupere o seu papel histórico como referente en políticas de igualdade. Nese sentido, denunciou a falla de vontade do actual Goberno municipal neste ámbito así como a “inacción deliberada” da Xunta de Galiza, a quen afeou a “bochornosa e ofensiva” campaña de sensibilización anunciada este ano.
Igrexas cualificou de “indefendíbel e vergoñento” que o Concello de Vigo destine a actividades e servizos da concellería de Igualdade menos dunha quinta parte do gasto en instalación de luces e adornos para o nadal, ou menos dun 25% do que vai gastar en subvencións para a conexión aeroportuaria con Londres
Ademais, criticou que a día 1 de outubro, segundo o informe oficial de execución orzamentaria, o goberno de Abel Caballero non teña gastado “nin un só euro” das partidas destinadas a campañas de sensibilización contra a violencia de xénero nin tampouco do programa de inserción laboral de mulleres en situación de violencia machista. “É indecente”, censurou o concelleiro nacionalista, que asegurou que “está ben que o alcalde se reivindique feminista, pero inda estaría mellor que o fose nos feitos”.
O candidato do BNG de Vigo mostrouse “convencido e orgulloso” de que a cidade vai volver expresarse de maneira masiva este 25 de novembro para “avanzar cara unhacidade de iguais, libre de todas as formas de violencia machista que merecemos todas as viguesas e todos os vigueses”.