O BNG de Vigo chama a impedir que os intereses especulativos bloqueen a recuperación da Panificadora

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista pide que o Goberno municipal actúe con firmeza e axilidade para blindar a súa preservación e defender o interese xeral da cidade, diante do fallo do TSXG.

Xabier P. Igrexas: “Desde o BNG sempre defendemos a conservación e recuperación para uso público da Panificadora como un obxectivo irrenunciábel para Vigo”.

O BNG de Vigo chama a impedir que os intereses especulativos bloqueen a recuperación da Panificadora

O Bloque Nacionalista Galego chama ao Goberno municipal de Vigo a actuar con “firmeza e axilidade” para impedir que os intereses especulativos sexan un freo cara a conservación e restabelecemento para uso público da Panificadora. A fronte nacionalista reitera o seu apoio á decisión do Concello de Vigo de apostar pola recuperación deste espazo, diante da recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

“Desde o BNG sempre defendemos a conservación e recuperación para uso público da Panificadora como un obxectivo irrenunciábel para Vigo, tanto desde as nosas funcións de goberno como desde a oposición”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que puxo como exemplo o acordo unánime no Pleno municipal para a modificación do Plan Especial de Protección y Reforma Interior (Pepri).

Un acordo plenario que apostou por dúas vías de traballo que, a xuízo das nacionalistas, deben continuar a definir os eixos de actuación do Concello após o fallo xudicial. Por un lado, blindar a preservación deste elemento de “enorme valor” desde o punto de vista do patrimonio e a arquitectura industrial da cidade e, por outro, devolver a Panificadora á cidade a través de usos públicos.
 

“É momento de actuar con firmeza defendendo o interese xeral da cidade, das viguesas e vigueses que comparten nunha ampla maioría este obxectivo de salvar a Panificadora, por riba dos intereses especulativos”, urxiu Igrexas, que pediu axilidade á hora de valorar as alternativas xurídicas, normativas e administrativas que “corten o paso” ás intencións de parte da propiedade privada e permitan recuperar o antes posíbel este espazo.
O BNG de Vigo chama a impedir que os intereses especulativos bloqueen a recuperación da Panificadora