O BNG lamenta a marxinación da música galega nos concertos de Castrelos
A fronte nacionalista critica que só unha das sete actuacións confirmadas este ano aposte pola música en galego e pide unha rectificación do Goberno municipal.
Xabier P. Igrexas: “Estamos a tempo de evitar que un verán máis a programación das festas de Vigo insista na galegofobia dos últimos anos”.
O Bloque Nacionalista Galego lamenta a marxinación da música galega e en galego un ano máis nos concertos de Castrelos. A fronte nacionalista pide que o Goberno municipal rectifique a programación deste verán para incluír bandas locais e grupos galegos após a confirmación de sete actuacións no auditorio, nas que só unha delas contará cun grupo galego e con música en lingua galega.
“Non podemos permitirnos o luxo de marxinar a música galega e en galego nun escaparate cultural de tanta relevancia como son os grandes concertos de Castrelos”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil do Bloque valorou que existe unha nómina “moi ampla” de bandas e artistas galegos que “merecen facer parte dunha programación de concertos de primeiro nivel”. Nese sentido, criticou que tampouco se inclúan actuacións de grupos da cidade malia levar “moitos anos a demandar que se lles teña en conta”.“Que mellor oportunidade e aposta para a nosa música que brindarlles a posibilidade de tocaren ao vivo neste auditorio privilexiado?”, cuestiona o edil nacionalista.
“Estamos a tempo de evitar que un verán máis a programación das festas de Vigo insista na galegofobia dos últimos anos, a tempo de que os concertos da cidade sexan unha aposta decidida pola música deste País e da música no noso idioma”, remachou Igrexas.