O BNG de Vigo pide unha inspección urxente en Serafín Avendaño tras o desaloxo dun inmóbel por risco de derruba

Xabier P. Igrexas diante do edificio afectado na rúa Serafín Avendaño
Xabier P. Igrexas diante do edificio afectado na rúa Serafín Avendaño

A fronte nacionalista demanda a Urbanismo que informe se tiña coñecemento da situación do edificio, que a veciñanza leva denunciando máis dun ano, e reclama que actúe para garantir a seguridade da vivenda afectada e das lindeiras

O portavoz nacionalista, Xabier P. Igrexas, reclama acceso completo á licenza da obra que se está a realizar parcela contigua e que se sinala como causa dos danos

O BNG de Vigo pide unha inspección urxente en Serafín Avendaño tras o desaloxo dun inmóbel por risco de derruba

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo pide unha inspección urbanística urxente na rúa Serafín Avendaño, logo do desaloxo dun inmóbel este mércores por risco de derruba. Así, a fronte nacionalista reclama que a Xerencia Municipal de Urbanismo actúe para garantir a seguridade da vivenda afectada e das lindeiras.

“Existe unha evidente preocupación por parte da veciñanza de Serafín Avendaño e por iso entendemos que é imprescindíbel acometer unha revisión a fondo tanto do inmóbel desaloxado como do resto de vivendas”, demandou o concelleiro e futuro portavoz do grupo municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

“A veciñanza de Serafín Avendaño leva moitos anos a ser torturada por unhas obras interminábeis, primeiro na humanización da rúa inda pendente de remate, e agora tamén por estas obras inacabábeis que están a provocar un evidente risco”

O edil nacionalista esixiu ademais que Urbanismo informe “en detalle” se coñecía a situación do inmóbel do número 5, que sofre desprendementos e fendas na fachada, e que a propia veciñanza leva denunciando máis dun ano. “A concelleira María José Caride ten que aclarar se tiña coñecemento da situación e que actuacións se levaron a termo dende ese momento”.

Igrexas anunciou que o BNG vai demandar tamén acceso completo ao expediente municipal da licenza da obra para un aparcadoiro na parcela contigua ao inmóbel afectado, e que se sinala como causa dos danos.

O BNG de Vigo pide unha inspección urxente en Serafín Avendaño tras o desaloxo dun inmóbel por risco de derruba