O BNG expresa o seu apoio á folga do metal e insta a Xunta a actuar para desbloquear a negociación do novo convenio
A fronte nacionalista considera “xustas” as reivindicacións das e dos traballadoras, que inician este xoves tres xornadas de folga pola crecente precariedade e perda salarial
A deputada Carmela González rexistra iniciativas no Parlamento galego para urxir o goberno de Rueda que exerza como autoridade laboral diante do “enroque” da patronal
Xabier P. Igrexas: “As axudas que reclama o empresariado non poder servir baixo ningún concepto para subvencionar con diñeiro público a precariedade laboral”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reclama que a Xunta de Galiza deixe de ser “cómplice” da patronal e actúe ante o bloqueo do novo convenio provincial no sector do metal. A fronte nacionalista traslada o seu “total apoio as xustas reivindicacións” das e dos traballadores, que inician este xoves tres xornadas de folga pola perda de poder salarial e a situación de “enroque” nas negociacións por parte do empresariado.
“O BNG temos que denunciar a total inacción do Goberno galego, como autoridade laboral, diante do conflito aberto nun sector industrial tan importante como o metal”, criticou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, após manter unha xuntanza xunto co concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, con representantes da executiva comarcal da CIG-Industria, primeira forza sindical no sector.
González vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir que a Consellaría de Promoción do Emprego, e concretamente a Dirección Xeral de Relacións Laborais, actúe no conflito para impulsar unha “negociación real” que impida o empobrecemento dos salarios, tal como denuncia a representación sindical, que tacha de “insultantes” as propostas do empresariado.
Carmela González: “A patronal está tentando facer que o novo convenio entre nun punto morto permanente, tras dez reunións sen ningún avance”
A deputada do BNG puxo en valor a importancia desta negociación, posto que o convenio provincial do metal foi durante moitos anos “unha referencia” para a mellora das condicións laborais en outros moitos sectores. Nese sentido, lamentou que os últimos acordos xa supuxeran “retrocesos” até o punto de que, a día de hoxe, hai convenios noutras actividades “moito menos duras” a nivel de carga laboral con mellores condicións.
Subvencionar a precariedade
Na mesma liña, o concelleiro e portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou a crecente precariedade neste sector, que cualificou de “absolutamente chave” na industria viguesa e que representa case 20 mil postos de traballo na comarca. “Facemos un chamamento á patronal a que se aveña a negociar de verdade o novo convenio”, demandou Igrexas, que considerou que fortalecer a competitividade do sector pasa por “poñer en valor a súa enorme cualificación e capacidade innovadora e non a través de empregos cada vez máis precarios con salarios cada vez máis baixos”.
O edil nacionalista advertiu tamén que as axudas públicas que o empresariado do sector leva moito tempo a demandar non poden servir “baixo ningún concepto” para subvencionar con diñeiro público “a precariedade nin facilitar a creación de emprego low cost”. Así, reclamou que axudas “millonarias” como as destinadas á denominada industria 4.0, como os PERTE da automoción ou do naval, deben estar condicionadas a garantir a carga de traballo e as condicións laborais, evitando a continua deslocalización da produción dos últimos anos.