O BNG de Vigo insta a reapertura dos parques infantís fechados desde hai tres meses
A fronte nacionalista demanda que se reinicien os traballos de desinfección e que se adopten as medidas necesarias para reabrir, coas maiores garantías preventivas, os 74 parques clausurados desde o pasado mes de outubro.
Xabier P. Igrexas: “Non se pode seguir castigando as crianzas cunha decisión que non entende ninguén”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de instar o Goberno municipal a que reinicie os traballos de desinfección e adopte as medidas necesarias para proceder, á maior brevidade, á reapertura segura dos 74 parques infantís fechados na cidade de Vigo desde o pasado mes de outubro.
O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, entende que non ten sentido manter esa restrición cando xa se ten iniciado a desescalada na hostalaría e polo efecto masificador que provoca nos restantes parques abertos da cidade. Neste sentido, Igrexas, chamou a “deixar de castigar ás crianzas de Vigo cunha decisión que non entende ninguén”. “Que sentido ten que un parque como da Redomeira, na contorna da rúa Aragón, estea fechado e os dous macroparques do Calvario si estean abertos?” preguntouse, subliñando o efecto contraproducente de só ter abertos a metade dos parques, na medida en que iso provoca unha maior presenza de familias e crianzas en menos espazo.
En relación ao argumento económico esgrimido no seu momento polo Concello para suspender a desinfección e xustificar os peches, Igrexas lembra que o Goberno municipal vén de aprobar uns orzamentos de 264 millóns de euros, aos que se engaden 36 millóns de remanentes e os fondos extraordinarios que proveñan do Estado. “Non parece que sexa un problema económico”, ironizou o portavoz municipal nacionalista.
Parques cubertos
Aliás, desde a fronte nacionalista volven demandar do Goberno local que poña en marcha un proxecto para cubrir parcialmente os parques infantís da cidade, como xa sucede noutros concellos galegos, do Estado e de Europa. “É claro que o que imos necesitar é máis espazos ao ar libre, e os parques non teñen porque estar limitados aos días que non chove”, explican.