COMUNICADO

Abel Caballero regala unha nova prórroga de 5 anos a Aqualia e blinda a auga como negocio privado

logo bng
Abel Caballero regala unha nova prórroga de 5 anos a Aqualia e blinda a auga como negocio privado

Diante do acordo adoptado no día de hoxe pola Xunta de Goberno Local de prorrogar outros 5 anos a concesión do servizo de abastecemento e saneamento a Aqualia, o Bloque Nacionalista Galego quere expresar publicamente o seguinte, como primeira valoración mentres estuda en detalle o conxunto do expediente:

  1. Novamente o Goberno de Abel Caballero blinda a xestión privada dun servizo público esencial como a xestión da auga. Esta segunda prórroga a Aqualia, como a recentemente acordada con Vitrasa, só beneficia a estas empresas privadas e dificulta a necesaria remunicipalización de ambos servizos.
  2. Cómpre denunciar o proceder opaco e alevoso do Goberno municipal, que despois de meses negando que se fose proceder a unha nova prórroga e mesmo tendo iniciado o proceso administrativo para unha nova concesión, volve agasallar a piques de finalizar o 2020, con cinco anos máis de lucrativo negocio a Aqualia. 
  3. Tal e como denunciamos no debate da falsa nova tarifa da auga, que supón insistir nun modelo ruinoso para a cidade e que só enche os petos da concesionaria, o Goberno de Caballero insiste en facer dun ben esencial como a auga unha mercadoría máis. Semella traballar máis en favor dos intereses de grandes grupos empresariais que do interese público xeral, de aí que máis de un terzo do orzamento do Concello estea destinado a concesións e adxudicacións de servizos municipais a empresas privadas.
  4. O BNG seguimos a defender un novo modelo de xestión pública da auga para Vigo, a través da remunicipalización e cun novo modelo tarifario que garanta o acceso de toda a cidadanía e promova un consumo racional e sustentábel.

Vigo, Galiza, a 30 de decembro de 2020.

Xabier P. Igrexas
Portavoz municipal do BNG de Vigo
 

Abel Caballero regala unha nova prórroga de 5 anos a Aqualia e blinda a auga como negocio privado