O BNG de Vigo lamenta que o novo prego para o Servizo de Axuda no Fogar non poña fin á precariedade

SAF01

Xabier P. Igrexas: “O Goberno municipal tiña a oportunidade de dignificar o SAF, de acabar coa precariedade e de alargalo para que as moitas persoas que seguen en lista de espera puideran ser beneficiarias, pero non o fixo”. 

A fronte nacionalista recolle as demandas do persoal do SAF e apoia a petición de municipalizar a xestión para que deixe de estar en mans de grandes corporacións privadas. 

O BNG de Vigo lamenta que o novo prego para o Servizo de Axuda no Fogar non poña fin á precariedade
O Bloque Nacionalista Galego mantivo este martes un encontro con representantes sindicais da CIG no Servizo da Axuda no Fogar (SAF) da cidade de Vigo. Na xuntanza, analizaron o funcionamento do SAF e tamén o novo prego de condicións que vai rexer a licitación da xestión do mesmo durante os vindeiros 5 anos. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que o Goberno municipal teña desaproveitado a oportunidade de “dignificar o SAF, de acabar coa precariedade e de alargalo para que as moitas persoas que seguen en lista de espera puideran ser beneficiarias”, apostando pola contra nun prego continuista.  

Ao remate da xuntanza, en comparecencia perante os medios de comunicación, Igrexas salientou a importancia do Servizo de Axuda no Fogar que cualificou como un “servizo fundamental dentro do traballo de coidados”. Emporiso, o portavoz municipal nacionalista denunciou a precariedade e insuficiencia na que este continúa a desenvolverse. Unha situación que non se resolverá na nova licitación en curso para a xestión do SAF durante os próximos 3 anos, aos que se poderán engadir 2 prórrogas (obrigatorias para a empresa adxudicataria) de un ano. “Cando neste momento hai máis 1.100 persoas beneficiarias do SAF, o Goberno municipal elabora un prego para atender só mil”, exemplificou Igrexas. 

Aliás, a fronte nacionalista recolleu as demandas do persoal do SAF, en cuestións como o axuste nos tempos de traballo, nomeadamente no recoñecemento dos tempos reais de desprazamento entre servizos, para evitar que as traballadoras estean obrigadas á “traballar literalmente á carreira dunha vivenda a outra”. Tamén defenden a necesidade de dotar de máis medios materiais o servizo, alertando que o prego só estabelece “unha axuda técnica (cama sanitaria, andador, guindastre, etc.) por cada 34 persoas usuarias”.  

O edil nacionalista tamén denunciou que a actual empresa adxudicataria non está a realizar un suficiente aprovisionamento de EPI. “Desde o Bloque queremos ser moi claras e rotundas, hai que aprender do vivido nas primeiras semanas da pandemia”, advertiu Igrexas, quen lembrou que nese momento a empresa carecía mesmo de máscaras. Por iso, diante do risco crecente dun rebrote, e dado que unha parte moi importante das persoas beneficiarias do SAF son persoas de alto risco fronte á Covid 19, Igrexa reclamou ao Goberno municipal que actúa para esixir que o servizo estea debidamente dotado de material de protección desde xa.  

Municipalización 

Pola súa banda, a representante sindical da CIG no SAF, Rosa Couto, cualificou o novo prego como “precariedade por concurso”, denunciando que non resolve as principais problemáticas do persoal e cuestionando a súa cuantificación económica, que xulgan insuficiente. Couto, incidiu tamén na denuncia da falla de medios preventivos no inicio da crise do coronavirus e apostou porque se estude a municipalización do servizo para que deixe de estar en mans de empresas privadas, ligadas en moitos casos a fondos voitre. 

Couto explicou tamén que a representación sindical das traballadoras do SAF non foron recibidas pola concellaría de Benestar Social, malia ter solicitado formalmente o Comité de Empresa unha xuntanza coa súa responsábel. Neste sentido, Igrexas comprometeuse a demandar que o Goberno municipal “reciba e escoite ás representantes de traballadoras dun servizo que é titularidade municipal e que se financia a cargo de diñeiro público”. 

O BNG de Vigo lamenta que o novo prego para o Servizo de Axuda no Fogar non poña fin á precariedade