O BNG de Vigo pide que Goberno local actúe para evitar un ERE nunha escola infantil municipal

atalaia
A empresa que xestiona a Escola Infantil Atalia pretende mandar ao desemprego ao seu persoal no período no que terían que desfrutar as vacacións e malia ter garantida a indemnización do Concello polo feche.
O BNG de Vigo pide que Goberno local actúe para evitar un ERE nunha escola infantil municipal

O Bloque Nacionalista Galego reaccionou esta mañá á ameaza de Expediente de Regulación de Emprego (ERE), de carácter suspensivo, que paira sobre o persoal da empresa adxudicataria da xestión da escola infantil municipal Atalaia. Segundo alertou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, a empresa está a promover un ERTE con efectos desde o pasado 15 de xullo e até finais de agosto, a pesar de ter recibido a declaración de imposibilidade de execución de contrato en abril e poder recibir indemnización por parte do Concello.

Igrexas anunciou que se dirixirá de maneira inmediata ao concelleiro de Educación para demandarlle información e urxilo a actuar para impedir un ERE nunha escola infantil que é de titularidade municipal. Un expediente que cualificou de inxustificado e inxusto co cadro de persoal, integrado por 13 traballadoras. 

O portavoz municipal nacionalista rexeitou de plano o ERE, en primeiro lugar dado que desde o 9 de abril a empresa xa conta coa declaración de imposibilidade de execución do contrato, por acordo da Xunta de Goberno Local, atendendo a súa propia solicitude por causa do feche decretado por mor da crise sanitaria do coronavirus. “Nesta situación, de acordo co previsto no artigo 34 do decreto do Estado de alarma, a empresa ten garantido que será indemnizada por parte do Concello de Vigo polos prexuízos económicos desta suspensión, polo que carece de sentido que agora poña en marcha un ERTE que suporá menos salario e perda de dereitos do seu persoal”, explicou. 

Aliás, desde o Bloque advirten tamén do impacto en termos organizativos que podería ter este ERE. “Falamos dun ERTE precisamente no período no que de maneira habitual o persoal das escolas infantís desfruta das súas vacacións antes de se reincorporar no inicio do novo curso. En que momento van poder ir de vacacións? Como vai garantir a empresa a prestación do servizo de aquí a final de ano?”, preguntouse Igrexas. 

De aí que a fronte nacionalista incida na necesidade dunha actuación áxil por parte do Concello que impida que se materialice este ERE, que para alén dun claro “atropelo laboral” pon en risco un servizo tan importante como o funcionamento dunha das escolas infantís municipais. Nese sentido, lembran as declaracións do propio alcalde de Vigo nas que aseguraba que o seu Goberno estaba a impedir que se producisen ERE nas contratas municipais. “É hora de demostralo”, reclaman

O BNG de Vigo pide que Goberno local actúe para evitar un ERE nunha escola infantil municipal