O BNG de Vigo lamenta que Caballero impoña unha suba de impostos “innecesaria e socialmente inxusta”

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG, no Pleno de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista critica que PSOE e PP rexeitaran as súas emendas para avanzar cara a unha fiscalidade municipal equidistributiva e socialmente xusta alargando o uso de bonificación e exencións para as familias traballadoras

Xabier P. Igrexas: “Ver ao PSOE e ao PP votar xuntos en contra das emendas coas que o BNG pretendíamos que paguen menos impostos municipais as persoas con menos recursos, ilustra o carácter progresista desta subida de impostos”

¬GUNS N’ ROSES: O Bloque considera insultante o “silencio” de Abel Caballero no Pleno extraordinario e a falla de explicacións do Goberno municipal diante do escándalo do frustrado patrocinio publicitario

O BNG de Vigo lamenta que Caballero impoña unha suba de impostos “innecesaria e socialmente inxusta”

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que o Goberno municipal de Abel Caballero decidise impoñer unha suba xeneralizada dos impostos e taxas municipais para o vindeiro ano 2024. Un aumento, do 4%, que as nacionalistas consideran “absolutamente innecesario” dado o estado das finanzas municipais, con case 200 millóns de euros en remanentes, e “inxusto socialmente” porque vai castigar especialmente as rendas máis baixas e os fogares con menores recursos.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu no Pleno ordinario celebrado esta mañá as 63 emendas que formularon ao proxecto de ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio. As do BNG foron as únicas emendas que se someteron, a través dun voto particular, a debate e ditame da Corporación, pero resultaron rexeitadas tanto co voto en contra do PSOE como do Partido Popular.

“Ver ao PSOE e ao PP votar xuntos en contra das emendas coas que o BNG pretendíamos que paguen menos impostos municipais as familias e persoas con menos recursos, ilustra o carácter progresista desta subida de impostos”, ironizou Igrexas.

Desde a fronte nacionalista denunciaron que a suba impositiva agravará o crecente empobrecemento da maioría social que representan as clases populares e traballadoras da cidade, ao se engadir á perda de poder adquisitivo de salarios e pensións. “Para vostedes, con salarios brutos de máis de 65 mil euros brutos ,pode parecerlles menor a subida que propoñen pero é un golpe duro para moitos fogares nos que, literalmente, cada día 15 xa é final de mes e que non son quen de enfrontar os gastos diarios”, reprochou Igrexas ao grupo de Goberno.

Emendas

As emendas do BNG, que foron rexeitadas, apostaban en reducir a carga dos fogares con menos recursos con exencións e bonificacións das principais taxas municipais de como mínimo un 50% no recibo do IBI, no imposto de circulación, no recibo do lixo e nas escolas municipais e instalacións deportivas. Tamén urxían medidas fiscais, para solucionar o “grave problema” de acceso á vivenda en Vigo. Nese sentido, o BNG propón recargar nun 95% o IBI para as vivendas desocupadas (máis de 20 mil na cidade segundo os últimos datos do INE) e, por outro lado, aplicar unha bonificación do 95% para aquelas vivendas que se poñan a disposición de programas de vivenda social, co fin de mobilizar ese “inmenso” número de vivendas baleiras. 

Outras das cuestións demandadas polo BNG era o mantemento da gratuídade do Servizo de Axuda no Fogar para persoas con ingresos inferiores ao IPREM, a gratuídade do uso das instalacións deportivas para os clubes de base ou a conxelación das tarifas do autobús e a creación dun bono gratuíto para persoas desempregadas e de baixos recursos.

Dende o BNG defenderon, tamén, como un dos aspectos centrais das súas emendas avanzar cara á fin da “estafa” da tarifa da auga cun novo modelo integral de xestión, que a considere como un ben público, e cun sistema de tarifas socialmente máis xusto. Nesa liña, propoñen un desconto do 20% para aqueles fogares con consumos inferiores aos 3 metros cúbicos por persoa e mes, ademais da exención para persoas perceptoras de axudas sociais como PNC, RAI, Risga ou IMV que permitan garantir o acceso universal á auga.

¬PLENO EXTRAORDINARIO GUNS N’ ROSES

En relación ao pleno extraordinario sobre as irregularidades no frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N’ Roses, celebrado a continuación da sesión ordinaria por decisión unilateral do alcalde, o portavoz municipal nacionalista cualificou de “insultante” o silencio do rexedor que, sorprendentemente, acudiu á sesión así como a falla de explicacións por parte do Goberno municipal. 

“Por fin, despois de meses co alcalde fuxido e de intentos de impedir que puidésemos coñecer o que pasou, o Goberno municipal vai ter a oportunidade de explicar este escándalo”, afirmou Igrexas na súa intervención inicial.

No entanto, esas explicacións nunca chegaron. “Rematou o Pleno sen que Caballero aclarase se se reuniu ou non con directivos da promotora do concerto días antes da carta de interese na que o Concello lle prometía case 2 millóns de euros. Tampouco aclarou de que falaron nesa xuntanza privada. Pero o que é máis grave non lograron explicar porque convocaron un falso concurso público, cunhas bases ad hoc, para o patrocinio cando nunca utilizaran esa fórmula para ningún dos concertos realizados nos últimos 16 anos”, valorou Igrexas ao remate da sesión na que acusou directamente ao Goberno de “chalanear ao marxe dos procedementos de licitación para tentar meterlle case 2 millóns de euros de diñeiro público no peto dunha promotora privada”.

O BNG de Vigo lamenta que Caballero impoña unha suba de impostos “innecesaria e socialmente inxusta”