O BNG de Vigo aspira a multiplicar apoios como alternativa “en positivo” cara as municipais de 2023
A fronte nacionalista pon en valor o traballo realizado durante os tres anos de mandato nos que despregaron 663 propostas e iniciativas sobre a práctica totalidade dos asuntos que preocupan ás viguesas e vigueses.
Critica a negativa do alcalde, Abel Caballero, a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade proposto polo Bloque por “pura e dura covardía e desprezo cara á pluralidade”
Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos despregar unha alternativa que permita resetear a cidade, para que Vigo volva coller impulso fronte a un Goberno fake, que promete pero que non fai e que instalou a cidade na inercia”
O Bloque Nacionalista Galego aspira a multiplicar apoios en Vigo como alternativa política “en positivo” de cara ás eleccións municipais de 2023. A fronte nacionalista pon en valor o traballo realizado durante os tres anos do actual mandato nos que despregaron 663 propostas e iniciativas sobre a práctica totalidade dos asuntos que preocupan ás viguesas e vigueses.
“O BNG desenvolvemos un traballo permanente, abordando desde os grandes temas até as cuestións máis cotiás, que con humildade, mais de maneira desacomplexada, cremos que marcou a diferenza”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante un almorzo informativo celebrado este mércores para valorar a situación política local e as perspectivas e liñas de traballo das nacionalistas.
Igrexas defendeu o papel do Bloque en Vigo como oposición “construtiva”, no que destacou que cada crítica e denuncia foi acompañada dunha proposta ou solución aos problemas da cidade fronte ao “coro inútil da confrontación pola confrontación” do resto de formacións políticas. Neste sentido, salientou a coherencia do BNG na defensa “incondicional” dos intereses de Vigo tanto no Concello, no Parlamento galego, no Congreso como no Parlamento europeo.
“Nós non defendemos a Vigo en función da cor política do goberno de turno, nin temos posicións que van e veñen como outras forzas”, afirmou Xabier P. Igrexas.
Ademais do traballo institucional, fixo fincapé tamén na actividade das nacionalistas a pé de rúa “pateando os barrios e as parroquias, nun estreito contacto co tecido asociativo e cos movementos sociais”.
Sumar fronte o Goberno fake
O edil nacionalista adiantou que o BNG traballa xa na posta en marcha dun proceso participativo de base ampla co que aspiran a “sumar para multiplicarnos” cara aos comicios municipais previstos para maio de 2023.
“Queremos sumar a moitos millares de viguesas e vigueses máis ao noso proxecto de mudanza para Vigo”, asegurou.
“O BNG queremos despregar unha alternativa que permita resetear a cidade, para que Vigo volva coller impulso fronte a un Goberno fake, que promete pero que non fai e que intalou a cidade na inercia”.
Igrexas valorou a crecente corrente de simpatía cara ao BNG, como apuntan as diferentes enquisas publicadas, que sitúan á fronte nacionalista como a única forza política á alza en Vigo. “Sabendo que hai cada vez máis viguesas e vigueses que cren que a cidade merece máis, moito máis, que un Goberno que só fabrica titulares pero que xa se demostra esgotado e incapaz para resolver os problemas da cidade e para encarar os reptos que temos por diante”, apuntou.
Covardía de Caballero
O portavoz municipal do BNG volveu afear o rexeitamento do alcalde de Vigo a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade, proposto polas nacionalistas, por “pura e dura covardía e desprezo á pluralidade”. Unha negativa que, a xuízo do Bloque, evidencia a “radicalización na deriva autoritaria e antidemocrática do PSOE de Abel Caballero”.
O concelleiro do Bloque chamou a todas as viguesas e vigueses “que cren que temos que avanzar cara a unha cidade non só máis fermosa, senón sobre todo máis habitábel e verde, coas persoas no centro, sabendo que humanizar de verdade é actuar para que deixe de haber filas da fame ou xente tendo que durmir nas rúas que se inauguran” a se sumar ao proxecto nacionalista.
Candidatura
A preguntas dos xornalistas a respecto da configuración da candidatura de cara ás vindeiras eleccións municipais, Igrexas explicou que a fronte nacionalista vén de iniciar o proceso interno que deberá resolverse nas vindeiras semanas. “O BNG somos unha organización radicalmente democrática e será a militancia quen decida, coma sempre, que persoa encabezará a candidatura”, afirmou.
En relación á súa continuidade á fronte do BNG vigués reiterou que “no Bloque non hai nin dedazos nin autoproclamacións”. “Levo militando con orgullo no BNG desde 1999 e, como desde o primeiro día, estou a disposición da miña organización”, remachou.